A Real Filharmonía de Galicia chega con ‘Herdanza Africana’ a Vigo o vindeiro 23 de maio

7 Maio 2024

A Real Filharmonía de Galicia chega con ‘Herdanza Africana’ ao Teatro Afundación Vigo, dentro da Tempada de Abonos Clásica Afundación 2024. Ese é o título do concerto que a orquestra dá o xoves 23 de maio, dirixida por Sebastián Zinca.

Tres compositoras protagonizan esta proposta. A británica Hannah Kendall leva á música clásica o seu compromiso racial introducindo chifres da policía neoiorquina ou espirituais negros, como en Tuxedo: Vasco de Gama.

Un compromiso ético similar é o de Missy Mazzoli, quen estrea nos teatros de ópera máis importantes do mundo, sendo a primeira muller en recibir unha encarga do MET de New York, en 2018. A súa obra River Rouge Transfigurations rende homenaxe ao Detroit dos tempos míticos, a partir dunha idea de transformación masiva de ruídos.

O programa finaliza con Florence Price, a primeira muller afroamericana recoñecida como compositora sinfónica, a pesar de que compoñer non puido ser o seu único traballo. A Sinfonía núm. 1 foi estreada en 1933 en Chicago e loubada como obra maxistral. Tiveron que pasar 91 anos para que nós agora poidamos desfrutala.


Sebastián Zinca | © Real Filharmonía de Galicia

(EN)FOCO HERDANZA AFRICANA

Hannah Kendall (1984)
Tuxedo Vasco da Gama
(Estrea en España)

Missy Mazzoli (1980)
River Rouge Transfigurations

Florence Price (1987-1953)
Sinfonía núm. 1

Os concertos (EN)FOCO son unha nova proposta de programas que consiste en concertos comentados dunha hora de duración para axudar a comprender a música clásica a aquelas persoas que se achegan por primeira vez a ela.

Entradas anticipadas á venda dende 11,70 euros en Ataquilla.com

A Tempada de Abonos de Clásica está incluída no programa solidario de Afundación «Cultura por alimentos», mediante o cal as persoas que visiten as actividades da Obra Social de ABANCA poden doar alimentos non perecedoiros a xeito de entrada solidaria nos colectores habilitados ao efecto.

Esta iniciativa solidaria desenvólvese en cooperación con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e grazas a ela colabórase cos bancos de alimentos locais no labor que desenvolven.

Está pasando!