‘A pel do Museo’ de Mónica Alonso | © Museo de Pontevedra

Exposición 'A pel do Museo' en Pontevedra

ven10maiConsultardom15setExposición 'A pel do Museo' en PontevedraDiálogos coa colección do Museo de Pontevedra(Consultar) Edificio Castelao. Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Co proxecto ‘A pel do Museo’ da artista Mónica Alonso (A Fonsagrada, Lugo, 1970), inaugúrase o ciclo de exposicións Infiltracións. Cada ano convidaranse dous artistas para presentar as súas obras en diálogo coa colección permanente do Museo de Pontevedra, como un xeito de fomentar a construción colectiva de aprendizaxes e achegarse a distintos públicos. Cada artista creará obras específicas coas que se irán incorporando progresivamente os discursos contemporáneos ao museo, sempre en relación con obras da colección, ofrecendo novas lecturas sobre os fondos.

Mónica Alonso leva décadas traballando sobre as cores, investigando as súas capacidades terapéuticas ou curativas e tamén a súa influencia nos nosos estados de ánimo. Co proxecto ‘A pel do Museo’ (a coleccionista de cores da pel), trata de catalogar unha selección de peles de obras de personaxes representadas no museo, extraendo deses cadros ou esculturas as cores da pel, revelándoas ante o espectador. Para obter esas cores, a coleccionista recorre a un copista que dea coa fórmula de cada unha. O copista é un especialista en formulación de cores, que mediante a observación obtén a súa composición exacta. A coleccionista ten un caderno coas fórmulas que comparte con quen as contempla, de xeito que quen teña o caderno as pode repetir sempre que queira.



En palabras da propia artista, “é a ficción dunha muller fascinada coas cores da pel. Consciente do difícil que é conseguir as cores da pel viva, decide obtelas nas obras de arte. Pensa que as artistas xa conseguiron as cores. Sabe que o creador prestou toda a súa atención para representar a pel das súas personaxes e as emocións que transmiten. É unha acción excepcional e quere obter a fórmula do marabilloso. Con este fin, contrata un copista que debe conseguir a fórmula das cores pel de distintas obras artísticas. O copista, cal alquimista, mediante a observación, destilará cada unha das pingas de cor que contén a fórmula da cor da pel elixida. O espectador pode ver peles de cor branca, negra, azteca, de muller, home, nena, anxo, meiga, alabastro, granito, madeira, xeso…”

O percorrido a través da selección de quince obras expostas actualmente no Museo de Pontevedra e seleccionadas pola artista lévanos a través das tres plantas do Edificio Castelao para atoparnos co resultado da investigación, na que se revelan as calidades das cores e matices descoñecidos. A escolma abrangue distintas tipoloxías de pel e de materiais utilizados en cadros e esculturas, que van desde pezas barrocas ata unha escultura de Leiro, pasando por obras de Maruja Mallo, Sotomayor, Souto ou Castelao, entre outros. Con esta selección, a artista xa está a facer unha lectura persoal sobre a colección do museo, que obras e artistas están expostas, que xéneros aparecen máis nas salas, como chegaron esas obras ao museo, como foron representadas as razas nas distintas épocas e moitas outras cuestións que se abordan neste proxecto e que continuarán cos seguintes artistas que participen no ciclo ‘Infiltracións’.

Comisario: Iñaki Martínez Antelo.

Visitable do 10 de maio ao 15 de setembro de 2024 no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

Horario: De martes a sábados, de 10:00 a 21:00 h. Domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 h.

Hora

Maio 10 (Venres) - Setembro 15 (Domingo)

Localización

Edificio Castelao. Museo de Pontevedra

Rúa Padre Amoedo Carballo, 3. 36002 Pontevedra

Está pasando!