Fillas de Cassandra | © Sabela Andrés

Fillas de Cassandra inician mañá venres a xira ‘Últimas Dionisíacas’ no Auditorio Mar de Vigo

15 Febreiro 2024

  • María SOA e Sara Faro estarán acompañadas de Tania Camaño e Marina Vidal sobre o escenario, nunha cita que contará coa presenza de diversas colaboradoras que serán toda unha sorpresa para o público asistente
  • O concerto dará comezo ás 22.00 horas no hall do Auditorio Mar de Vigo, mentres que a apertura de portas terá lugar ás 21.30 horas

As viguesas Fillas de Cassandra inician mañá venres, 16 de febreiro, a xira “Últimas Dionisíacas” na súa cidade natal, Vigo. Tras esgotar, en menos de 10 días, os 1.400 billetes dispoñibles para a cita no Auditorio Mar de Vigo, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro estreará no hall do recinto o seu novo directo.

O concerto, que comezará ás 22.00 horas (a apertura de portas será ás 21.30 horas), contará coa colaboración de diversas bandas e solistas cuxa participación será toda unha sorpresa para o público asistente.

“Últimas Dionisíacas” é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente. Tamén recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e dan a coñecer outros inéditos para o público.


Fillas de Cassandra | © Sabela Andrés

Neste directo, a luz e a escenografía teñen un papel moi relevante; mais unha das principais novidades é que Fillas de Cassandra están acompañadas sobre o escenario dunha banda, que integran Tania Caamaño e Marina Vidal. Desde xeito, e con esta formación, o grupo relevación do panorama musical galego no 2023 aposta pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.

Logo da estrea viguesa, Fillas de Cassandra levará ás “Últimas Dionisíacas” á cidade da Coruña o vindeiro 22 de febreiro, nunha cita enmarcada na celebración do Día dos Medios en Galego (que terá lugar na sala INN e para a que tampouco quedan billetes dispoñibles). Despois actuarán o 3 de marzo en Arzúa (Festa do Queixo), o 12 de abril en Donostia (no marco do ciclo Bizi ala Iraun), o 13 de abril no ZEID FEST de Barakaldo e, máis adiante, nos festivais Ourensound, Ortigueira ou SonRías Baixas, entre outros.

Está pasando!