‘Outras miradas, outros mundos’, lema da 11ª edición de Novos Cinemas

22 Outubro 2026

  • O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, que se celebrará do 8 ao 13 de decembro, presenta o cartel desta edición, obra de Andrés Froiz
  • Co Teatro Principal pechado por obras, a inauguración celebrarase en Afundación e as proxeccións trasladaranse aos cines de Pontevedra (Cinexpo)

O Festival Internacional de Cine de Pontevedra, Novos Cinemas, presenta a imaxe da súa undécima edición, que se celebrará do 8 ao 13 de decembro en Pontevedra. O cartel, obra de Andrés Froiz, parte dunha imaxe do ollo humano levada case ata a abstracción e recolle o lema escollido para este ano: ‘Outras miradas, outros mundos’.

O ollo, ampliado ata perder os seus contornos recoñecibles, convértese nunha composición de cores e texturas na que custa distinguir o que estamos a ver. Unha imaxe que xoga coa percepción e coa posibilidade de descubrir algo diferente cada vez que volvemos mirar.

«Podemos definir a mirada ou establecer unha única maneira de ver o mundo? O cinema demóstranos constantemente que non. Interésannos as películas que escapan do que xa coñecemos, que non responden necesariamente ao que esperamos delas e que nos obrigan a mirar doutra maneira. Esa capacidade de sorprendernos, de cuestionar o costume e de abrirnos a outras realidades é unha das razóns polas que facemos Novos Cinemas», explica Suso Novás, director artístico do festival.

Esta idea acompaña a Novos Cinemas desde os seus inicios, cunha programación centrada nas primeiras e segundas longametraxes de cineastas de todo o mundo e no descubrimento de películas que non sempre atopan o seu lugar nos circuítos comerciais.

Novos espazos para a undécima edición

O peche temporal do Teatro Principal por obras obriga este ano a reorganizar as sedes do festival. A inauguración terá lugar en Afundación, mentres que o resto das proxeccións se celebrarán nos cines de Pontevedra, Cinexpo. As actividades paralelas repartiranse por diferentes espazos de Pontevedra.

«O Teatro Principal é a nosa casa e imos botalo moito de menos. Este ano tocounos buscar alternativas e reorganizar boa parte do festival, algo que non é sinxelo, pero estamos atopando moita colaboración e ganas de botar unha man. O importante é que Novos Cinemas poida celebrarse nas mellores condicións e que o público siga desfrutando das películas. E, por suposto, agardamos volver ao Principal canto antes», explica Daniel Froiz, director executivo do festival.

A programación completa, os horarios e as actividades da 11ª edición daranse a coñecer nas próximas semanas a través de novoscinemas.com e das redes sociais do festival.

Novos Cinemas está organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas e producido por Matriuska Producciones. Conta co financiamento do Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC) e o Ministerio de Cultura e Deporte (ICAA).

Está pasando!