O Auditorio Afundación de Pontevedra acolle ‘Poncia’, unha nova visión do mítico personaxe de García Lorca, con Lolita Flores

4 Xuño 2024

O espectáculo, escrito e dirixido por Luis Luque, poderá verse o xoves 6 de xuño no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra


‘Poncia’ é un espectáculo protagonizado por Lolita Flores e escrito e dirixido por Luis Luque, a partir de ‘La Casa de Bernarda Alba’ de Federico García Lorca.

‘Poncia’ fala de liberdade, culpa, clase, educación e sexo, entre outros temas, a partir dunha voz que foi maltratada e silenciada.

Unha produción de Pentación Espectáculos e Teatro Español, non recomendada para menores de 14 anos.

Entradas anticipadas á venda dende 20 euros en Ataquilla.com



Sinopse:

Dentro dunha tormenta de néboa, Poncia, a criada de Bernarda Alba, reza pola morte de Adela. A casa sumiuse nun mar de silencio. Poncia fala soa e tamén con elas, con Bernarda Alba e as súas fillas.

Este texto está escrito a partir das intervencións do personaxe de Poncia na obra de Federico García Lorca. Nunha profunda análise do personaxe, rescatei as intervencións de Poncia e convertinas en reflexión, soliloquios, diálogos con pantasmas e sombras. Deste xeito, alúmase un novo mirar dentro da casa. Na obra orixinal asistimos a unha sucesión de feitos que se desenvolven en orde cronolóxica. Aquí, nesta Poncia, non. Ela fala despois do shock producido polo suicidio de Adela. Todo ocorre despois da súa morte.

A lingua de Poncia desátase nun lugar e nun tempo prohibidos para as palabras. Poncia axusta contas coas habitantes que sobreviven dentro da casa. Descubrimos a simpatía de Poncia pola máis nova das fillas, reivindícaa. “Morreu unha femia valente”, di, e cúlpase a si mesma de non facer máis do que fixo.

Poncia sempre me suxestionou como ningún outro personaxe dos que habitan na casa de Bernarda Alba. Os personaxes das criadas encerran un enigma interesante: son testemuñas dos avatares dos seus donos e amos, coñecen a verdade do interior das casas e posúen a filosofía oculta das clases populares.

Escoitamos a voz da criada para iluminar os recunchos escuros da obra de Lorca. Poncia fala de suicidio, liberdade, culpa, clase, educación e sexo. E fálao con toda a forza dunha voz que foi maltratada e calada. A alma de “a Poncia” ábrese para insistir na necesidade de transferir aos demais a idea de amarnos en liberdade.

Está pasando!