O CEIP Mallón de Nigrán gaña o ‘I Certame Infantil e Xuvenil de relatos curtos Carlos Casares’

16 Xuño 2022

  • O xurado dictaminou por unanimidade o fallo no que se designa ‘Un becho no colexio’ da clase de 3 de Primaria como o vencedor. Destacan a súa orixinalidade, a gran calidade literaria e a súa conciencia medioambiental
  • O alumnado recibíu onte cadansúa medalla e bolsa con libros de agasallo e o colexio obterá un lote de libros e unha representación de Teatro do Ar no propio centro baseada nos relatos presentados

O CEIP Mallón resultou o colexio gañador do ‘I Certame Infantil e Xuvenil de relatos curtos Carlos Casares’ convocado polo Concello de Nigrán co obxectivo de promover a lingua galega entre a mocidade ao tempo que se homenaxea a un dos veciños máis ilustres no 20 aniversario do seu falecemento. O alcalde de Nigrán, Juan González, e o secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo Garrido, entregaron onte no propio centro educativo ao alumnado de 3 de Primaria cadansúa medalla, bolsas con libros, diploma e trofeo. A maiores, o colexio recibirá unha representación teatral no seu centro a cargo de Teatro do Ar e cos propios relatos como fío conductor e un lote de libros para a Biblioteca.

O concurso, dirixido a todos os colexios do municipio e con posibilidade de presentar relatos realizados en grupo, contou coa participación de 6 obras elaboradas de xeito colectivo e todas pertencentes á categoría ‘Cativos’ (nados entre o 01/01/2013 ó 31/12/2010). O seleccionado por unanimidade do Xurado como vencedor foi ‘Un becho no colexio’, firmado baixo o pseudónimo de ‘Os protectores da natureza’ e correspondente a 3 de Primaria do CEIP Mallón. Todos os relatos están pendurados na web www.nigran.es

No veredicto destacan por riba de todo “a orixinalidade da obra (unha píntega rabilonga que fala) e a propia calidade literaria, xa que se trata dunha narración fantástica chea de imaxes e cunha redacción moi fluida e traballada. Ao mesmo tempo, o relato transmite valores vinculados á concienciación medioambiental e a protección da biodiversidade no noso propio territorio, amosando neste sentido a importancia da responsabilidade individual en cada pequeno xesto da nosa vida cotiá”. Igualmente, o xurado (composto por Gustavo Garrido, xerente da Fundación Carlos Casares; Beatriz Gil, propietaria da librería ‘Paraísos de Papel’, e María Villar, xornalista no Concello de Nigrán) subliña o excelente nivel das demais obras presentadas, todas elas de gran calidade literaria, moi orixinais nas súas formulacións, apegadas a Nigrán e a nosa cultura, cheas de valores e cun perfecto manexo da lingua galega.

O Concello aposta por manter este certame de xeito anual adicado a figura dun dos seus veciños máis ilustres e avanza un verán cheo de programación adicada ao escritor que incluirá roteiros, teatro ou exposicións.


Está pasando!