Presentación da campaña do 25-N | © Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra presenta a campaña do 25-N: ‘Son muller, son Diana: a quen teñen que apuntar para que che importe?’

13 Novembro 2024

  • Anabel Gulías, concelleira de Igualdade: “Temos que poñer no centro da axenda política, da axenda pública, que nos seguen matando por ser mulleres”
  • O despregamento da pancarta co lema do 25-N na fachada da Casa Consistorial será o vindeiro martes, 19 de novembro e o día 25 inaugurarase unha intervención artística permanente en recordo das vítimas na praza da Audiencia
  • A xornalista e escritora Cristina Fallarás exporá o seu traballo coas vítimas da violencia machista nun acto que terá lugar no Teatro Principal o 17 de decembro

Son muller, son Diana’, lema da campaña do 25-N do Concello de Pontevedra, que presentou hoxe a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías. Aínda cos ecos do último asasinato machista, a veciña de Baiona Estela B.S. e a poucas semanas da veciña de Pontevedra, Fadua; a concelleira subliñou “a necesidade de reivindicar, de poñer no centro da axenda política, da axenda pública que nos seguen matando por ser mulleres”.

A campaña quere transmitir mensaxes claras “fronte a certos temas que, nos últimos tempos, están sendo obxecto de negacionismo político”, indicou Gulías Torreiro. A proposta municipal artéllase e pon o foco en dúas cuestións:

  1. Tratar a violencia machista como unha cuestión estrutural. “Non falamos do caso de catro tolos que matan as súas mulleres; é unha cuestión que ten que ver co patriarcado, coa educación, que ten que ver coas prácticas políticas, coas prácticas que todas e todos temos na esfera pública e na esfera privada… nos matan, por sermos mulleres”, explica a concelleira de Igualdade
  2. Loitar contra a percepción de que os asasinatos machistas son unha efeméride máis. “Percibimos que cada vez que asasinan a unha muller, respondemos dun xeito rutineiro: unha concentración diante das institucións, cando un feito así tiña que sacar ás persoas ás rúas para reclamar xustiza, reparación e dignidade”, indico Anabel Gulías. “É un regueiro de mulleres asasinadas pola violencia machista, que leva a preguntarnos a quen teñen que apuntar para que che importe (subtítulo da campaña 25-N)”, engadiu.

Carteis da campaña do 25-N | © Concello de Pontevedra

Catro mulleres de Pontevedra prestan a súa imaxe para os carteis de ‘Son muller, son Diana’. Son catro veciñas de Pontevedra, de distinta idade e perfil, que amosan que a violencia machista cébase na metade da poboación polo feito de ser muller.

A campaña gráfica ‘Son muller, son Diana. A quen teñen que apuntar para que che importe?’ É un piar esencial dunha programación que inclúe tamén a inauguración dunha intervención artística que deixará unha pegada permanente na praza da Audiencia de Pontevedra en lembranza das vítimas da violencia machista: 32 persoas (20 mulleres e 2 nenos) da provincia, desde o 2003.

Ademais terá como colofón, o 17 de decembro, unha charla-coloquio coa xornalista e escritora Cristina Fallarás, que traballa desde hai anos na recollida de testemuños de mulleres que sufriron violencia machista para que non caian no esquecemento. Con ela estará a ex-concelleira de Igualdade, Carme Fouces, impulsora da campaña #PrimAcoso do Concello de Pontevedra.



PROGRAMACIÓN 25-N

Os fitos da campaña 25-N que tinguen de violeta o mes de novembro, arroupados coa imaxe gráfica presentada hoxe. Son os seguintes:

  • Premios Feroz. Con perspectiva feminista
    • Venres 15, ás 18.30 horas na Facultade de Comunicación de Pontevedra. Proxección da película ‘Jamón, jamón’ de Bigas Luna e coloquio con Laura Seoane, produtora executiva dos premios Feroz
    • Xoves 21, ás 18.30. Proxección de ‘Amanece que no es poco’ de José Luis Cuerda. Coloquio con Marta Armengou, fundadora e directora de filmtopia.net
  • Ciclo Conversas do primeiro andar do Mercado
    • Xoves 21, ás 20.00 horas. Presentación do libro ‘Que no se te note’ de Rocío Saiz. Presentación da adega Anónimas Viticultoras (Cristina Yagüe e María Falcón). Showcase de Buenatarde e Rocío Saíz
  • Luns 18 de novembro. Lectura do manifesto 25-N do Concello de Pontevedra no Pleno municipal, a cargo do Colexio de Psicoloxía de Galicia
  • Martes 17 de decembro, ás 20.00 horas no Teatro Principal. A xornalista e escritora Cristina Fallarás e a exconcelleira de Igualdade, Carme Fouces, falarán sobre espazos seguros de denuncia para as mulleres vítimas da violencia machista
  • Martes 19, ás 11.30 horas. Despregamento da pancarta do 25-N na fachada da Casa Consistorial.
  • Luns 25, ás 11.00 horas. Inauguración dunha intervención artística permanente en memoria das vitimas da violencia machista da provincia: 32 desde o ano 2003. Na praza da Audiencia
Está pasando!