O Concello de Vilaboa repartirá 600 euros en premios no XL Festival dos Maios

15 Abril 2025

O concurso, organizado en colaboración coa Asociación de Veciños de Figueirido, mantén aberto o prazo de inscrición


O Concello de Vilaboa convoca a XL edición do Festival dos Maios, en colaboración coa Asociación de Veciños de Figueirido, destinando 600 euros ás tres composicións florais que reúnan unha maior puntuación na modalidade cónica, única que valorará o xurado. O prazo de inscricións, a través do correo electrónico [email protected], permanece aberto.

O concurso está orientado a alumnado escolar de calquer idade e as bases recollen a descalificación inmediata en caso de rexistrarse algunha falta de respeto verbal nas letras dos maios; unha decisión que corresponderá adoptar ao xurado que nesta edición estará integrado polo concelleiro de Cultura, un técnico municipal e un membro do colectivo veciñal, ou persoas nas que deleguen.



Puntuarán a calidade das letras e a utilización da tradicional retranca galega para abordar temas de actualidade tanto de ámbito político como social en canto ao carácter crítico, irónico e sarcástico do texto; tamén a calidade do canto tanto a nivel individual coma no conxunto, atendendo sobre todo a entonación, forza e o carácter harmónico do conxunto do maio e por último valorarán o mellor maio, tanto nos adornos como no aspecto exterior como no interior.

As composición que logren as maiores puntuacións serán as gañadoras establecéndose uns premios de 300 euros para o primeiro clasificado; 200 para o segundo e 100 para o terceiro.

O Festival terá lugar o día 1 de maio na Casa de Cultura de Figueirido ás 18 horas e os maios participantes deberán estar no entorno con media hora de antelación.

Está pasando!