Presentación do Concerto de Aninovo 2025 | © Concello de Pontevedra

O Concerto de Aninovo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, chega este ano baixo a batuta da directora Renata Oliveira e coa nota de humor do cuarteto Píscore

2 Decembro 2024

  • O evento terá lugar como vén sendo habitual, o 1 de xaneiro ás 19.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura
  • As entradas, a prezos comprendidos entre os 10 euros e os 15 euros (+ gastos) están xa á venda en Ataquilla.com e, de non esgotarse, unha hora antes na billeteira do Pazo
  • O programa estará composto por pezas de música clásica, bandas sonoras, música actual e os tradicionais valses e marchas tradicionais do concerto

O concelleiro Demetrio Gómez presentou esta mañá o concerto de Aninovo “que temos a inmensa fortuna de que cada ano organice a Orquestra Sinfónica de Pontevedra e que desde o Concello de Pontevedra estamos encantadísimos de poder colaborar. É unha das datas que mellor representa o Nadal de Pontevedra, é un día para gozar da música, para facelo en familia e probablemente para facelo como se todos fosemos nenos e nenas que podemos plantarnos no auditorio e gozar da música, descubrindo a música clásica con este programa que fixeron para divertirse e comezar o ano coa maior forza posible. Temos tamén este fantástico cartaz que fixo Ovo e que recolle perfectamente ese espírito do Nadal de Pontevedra, entrañable familiar que queremos todos disfrutar”.



A presidenta da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, Judith Rey desvelou na súa intervención que “a tradicional cita do 1 de xaneiro será ás 19.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, este ano baixo a batuta dunha muller. Unha directora portuguesa que se chama Renata Oliveira que xa colaborou con nós no ciclo Mulleres e Inspiración. No é a primeira vez que contamos cunha muller para dirixir este concerto, xa que contamos con Isabel Rubio hai uns anos. Queremos abrir camiño e demostrar contra o que din en Viena, que as mulleres si poden dirixir o Concerto de Aninovo. Hai que visibilizar e dar oportunidades.

Por outra banda, como sabedes sempre me gusta engadir unha pincelada da nosa cultura galega e nesta ocasión, estaremos acompañados pola compañía músico-teatral Píscore – os nosos Luthiers galegos – que farán pasar divertidos momentos grazas ao seu virtuosismo musical, sen perder a elegancia e estética clásica do concerto. Eles son catro actores e músicos con ampla formación musical e experiencia escénica cos que interpretaremos pezas de diferentes ritmos e estilos a través dunha marimba, un instrumento de percusión co que se poden interpretar diferentes melodías. Auguramos unha magnífica gala na que poderemos gozar de música clásica, bandas sonoras, música actual e por susposto valses e marchas do noso habitual concerto, fusionado cuns toques de humor para comezar o ano con risas e diversión, imprescindibles para alimentar a nosa alma e comezar o ano con enerxía positiva o novo ano”.

Félix Rodríguez e Diego Rosal, en representación do cuarteto Píscore. Salientaron que “temos unha relación moi especial e estreita coa cidade de Pontevedra, actuamos aquí moitas veces e como un dos integrante do grupo é de Salcedo, tamén temos ensaiado moito aquí. Agradecemos moito ao Concello e a Judith por contar con nós e sen querer desvelar moito, a parte do programa pode que haxa algunha outra sorpresa que non imos desvelar nin a directiva da orquestra”.

As entradas están xa á venda en Ataquilla.com a un prezo de entre 12 e 15 euros e reducido de entre 10 e 12 euros para estudantes, persoas desempregadas e maiores de 65. De non esgotarse, tamén 1 horas antes na billeteira do Auditorio do Pazo da Cultura.

Está pasando!