Convento de Santa Clara | © Atlantis Comunicación

O convento de Santa Clara poderá ser visitado todas as fins de semana de febreiro e marzo

18 Xaneiro 2022

A área de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra ten xa listo o programa de visitas ao interior do antigo convento de Santa Clara. Unha oportunidade única de coñecer un dos espazos máis agochados e misteriosos da cidade, mais que agora poderá ser percorrido e coñecido pola veciñanza pontevedresa.

O responsábel da concellaría, Xaquín Moreda, indicou esta mañá que Santa Clara será visitábel ao longo de todas as fins de semana de febreiro e marzo. Cada sábado e cada domingo, serán realizadas catro visitas diarias, facendo un total de oito roteiros polo interior do espazo municipal cada fin de semana. Os horarios para quedan serán os seguintes: 11:00, 12:30, 16:00 e 17:30 horas. En total, serán máis de sesenta visitas as programadas polo Concello.

As visitas futuras serán realizadas en grupos de máximo 20 persoas, e contarán cun guía e cun asistente para poder achegar a mellor información posíbel sobre as estancias deste espazo, agochado por máis de 750 anos para a cidade.

As inscricións poderán ser realizadas a través da web oficial do espazo municipal, www.santaclarapontevedra.gal. O apartado específico para esta acción será habilitado este venres, 21 de xaneiro, ás 17:00 horas.

Que poderá visitar todo aquel que entre polas portas de Santa Clara?

Por suposto, as zonas exteriores do xardín e os claustros, mais tamén todos os corredores e estancias internas: os locutorios, o arquivo, a igrexa, as zonas de traballo, a sala capitular, a cociña, as celas, o comedor, etcétera.

O Concello lembra que está será, polo momento, a única forma de visitar Santa Clara, se ben é certo que xa se está a traballar nunha nova xornada de portas abertas coa chegada da primavera, ademais doutras actividades culturais —charlas, mesas redondas…— que poderían ter o espazo da igrexa como o seu escenario.

Está pasando!