Álvaro de Luna | © www.alvarodeluna.es

O edil de Festexos de Poio anuncia o I Festival Chalana, que traerá en agosto á Orquestra Panorama e a Álvaro de Luna

1 Febreiro 2023

O concelleiro de Festexos de Poio, Xosé Luís Martínez, deu a coñecer os detalles dunha das grandes novidades do programa Verán en Poio 2023. Trátase do Festival Chalana, que traerá ao municipio dúas grandes actuacións musicais.

En concreto, a primeira cita terá lugar o día 2 de agosto na parroquia de Samieira, onde haberá un gran espectáculo a cargo da Orquestra Panorama. Unha xornada máis tarde, o xoves 3, será a quenda de Raxó, a onde chegará o artista andaluz Álvaro de Luna.

Tal e como explica Martínez Blanco, o Festival Chalana mantén a filosofía pola que aposta o Concello de Poio á hora de expandir por todas as parroquias do concello concertos a cargo de músicos e grupos de renome a nivel nacional e internacional.


© Orquesta Panorama

“Esta iniciativa amplía a oferta do mes de agosto, xa que non hai que esquecer que entre os días 23 e 27 de agosto terá lugar unha nova edición da Festa do Mar de Combarro”, adiantou.

Estas dúas actuacións darán continuidade a outras citas que forman parte do Verán en Poio e que xa están plenamente consolidades, como é o caso do Festival Chalaniña, que se celebrará en Lourido do 27 ao 30 de xullo, cunha programación pensada especialmente para as crianzas e para ser gozada en familia.

O titular de Festexos ten claro que apostas deste tipo axudan a dinamizar a actividade turística, comercial e social do concello en pleno verán, reforzando aínda máis a súa imaxe como destino turístico de referencia en Galicia.

Cómpre lembrar que o Verán en Poio comezará, como xa é habitual, no mes de xuño, coas tradicionais Festas de San Xoán, que se desenvolverán entre os días 22 e 26 de xuño. As actuacións e concertos prolongaranse ata mediados de setembro, concretamente ata os días 16 e 17, cunha nova edición da Festa da Ameixa.

Está pasando!