Halloween Special 2024 | © Broken Peach

Os vigueses Broken Peach volven a liala por Halloween e xa son virais

28 Outubro 2024

O vídeo, que acumula un millón de visualizacións en dúas semanas, consolida ao grupo como a banda española con máis proxección internacional en redes


Xa se achega a noite máis terrorífica do ano e os vigueses Broken Peach non podían faltar á súa cita. Xa é unha tradición o gran espectáculo visual e musical que esta banda publica para cada Halloween. Como cabía esperar, a súa última proposta xa está a arrasar.

Este grupo que naceu en Vigo hai xa 15 anos leva todo este tempo mesturando o rock co soul en vistosos espectáculos nos que coidan ata o máis mínimo detalle. Porque non é só que ofrezan unha proposta musical cargada de personalidade, senón que ademais fano cunha estética particular e arrasadora.

Cada ano, esta banda publica un vídeo nalgunhas das datas crave do ano e, sen dúbida, unha delas é o Halloween. Do mesmo xeito que en Nadal, Broken Peach adapta algúns clásicos da música nun videoclip propio no que aparecen todos os seus integrantes nunha escena case de cinema. Disfraces, maquillaxe, coreografías e moito rock, ingredientes que nunca fallan.



O pasado día 13 de outubro publicaron o seu último e terrorífico vídeo, e en tan só catro días xa superara o medio millón de visualizacións. O propio grupo comentouno nas súas redes sociais: “Un absoluto RÉCORD”. Nesta ocasión, como é habitual, adaptaron varios clásicos para ofrecer todo un espectáculo propio de Halloween. Este ano escolleron tres cancións icónicas, “Call Me” de Blondie (1980), “I Was Made for Lovin’ You” de Kiss (1979) e “Joker & the Thief” de Wolfmother (2005).

O resultado é unha impactante escena na que sete esqueletos ben rockeiros se contonean no medio do que parece unha especie de igrexa entre fume e luces parpadeantes. Todo a un ritmo eléctrico e harmónico que xa soa por todo o mundo con centos de miles de reproducións. Broken Peach xa a volveu a liar.

Como é habitual nos vídeos publicados pola banda, volveron a elixir unha localización en Galicia. Trátase da Ermida da Virxe de Fatima, en Chantada (Lugo).



Ademais, con motivo da celebración do décimo aniversario destes vídeos, a banda tamén editou un álbum que recolle todos estes temas chamado “Halloween Special 10th Anniversary”, o disco perfecto para calquera festa de Halloween e que xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais:

Está pasando!