Petite maman, o último filme de Céline Sciamma, que se estrea en salas o 5 de novembro, pasará polo Cineclube Pontevedra o vindeiro día 16

28 Outubro 2021

Petite maman, o último filme da realizadora francesa Céline Sciamma (Retrato da moza en chamas, Tomboy), que se estrea en salas o 5 de novembro, pasará polo Cineclube Pontevedra o vindeiro día 16.

Os irmáns Dardenne, Naomi Kawase e a estadounidense Eliza Hittman completarán a oferta cinematográfica das sesións dos martes.

Os luns de filmoteca, en colaboración coa Filmoteca de Galicia, dedicaránselles ás realizadoras Celia Rico e Meritxel Colell.

Con motivo da boa evolución da pandemia e da relaxación dos protocolos Covid, o persoal do Cineclube optará a partir deste mes por deixar de abrir unha hora antes e de atender dende a billeteira, como viñan facendo por causa da situación sanitaria, para volver ao sistema habitual de despacho de billetes, isto é: estarán media hora antes de cada proxección na entrada do Teatro Principal.


MARTES 2  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL 

O NENO DA BICICLETA

Jean-Pierre e Luc Dardenne, Bélxica, 2011, 87 min., VOSE

Lingua orixinal: francés

Cyril ten case doce anos e un único plan: atopar o pai que o deixou temporalmente nun fogar infantil de acollida. De casualidade, coñece a Samantha, que ten un salón de peiteado e que accede a que pase con ela as fins de semana. Cyril non quere recoñecer o amor que Samantha sente por el, e que precisa desesperadamente para calmar a súa rabia.

Festival de Cannes 2011 (Gran Premio do Xurado) (ex-aequo)


LUNS 8 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL 

VIAJE AL CUARTO DE UNA MADRE

Celia Rico, 2018, España, 90 min., VO

Lingua orixinal: español

*Sesión en colaboración coa Filmoteca de Galicia

Leonor e a súa nai (Lola Dueñas) viven xuntas nunha pequena vila. Protéxense e cóidanse como mellor saben, mesmo cando se enfrontan a unha nova etapa da vida en que o seu mundo común cambalea. Este inverno ambas han emprender unha viaxe para deixar de ser filla e nai as vinte e catro horas do día e descubrir quen poden chegar a ser por separado.

Donostia 2018 (Premio da Xuventude)

BFI London Film Festival 2018 (Nomeado ao Premio Sutherland)


MARTES 9 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL 

NUNCA, CASE NUNCA, ÁS VECES, SEMPRE

Eliza Hittman, 2020, EEUU, 101 min., VOSE

Lingua orixinal: inglés

Autumn é unha adolescente máis ben calada que traballa como caixeira nun supermercado rural de Pennsylvania. Véndose obrigada a soportar un embarazo accidental e sen alternativas viables para poder realizar un aborto no seu propio estado, Autumn e a súa curmá Skylar reúnen algo de diñeiro e embárcanse nun autobús rumbo a Nova York. Coa dirección dunha clínica apuntada nun papel e sen un lugar onde pasar a noite, as dúas mozas adéntranse nunha cidade que descoñecen.

Festival de Berlín 2020 (Gran Premio do Xurado)

Festival de Sundance 2020 (Oso de Prata – Premio Especial do Xurado)


MARTES 16 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL 

PETITE MAMAN

Céline Sciamma, 2021, Francia, 72 min., VOSE

Lingua orixinal: francés

Nelly ten oito anos e acaba de perder a súa avoa. Mentres axuda a baleirar a casa en que a súa nai medrou, explora con intriga o bosque que a rodea, onde a súa mamá adoitaba xogar de cativa. Alí, Nelly coñece outra nena da súa idade e a inmediata conexión entre elas dá paso a unha preciosa amizade. Xuntas constrúen unha cabaña no bosque e, entre xogos e confidencias, desvelarán un fascinante segredo.

Berlinale 2021 (Sección oficial – Premio do Público)

Donostia Zinemaldia 2021 (Sección Perlas – Premio do Público)

Chicago International Film Festival (Nominada ao Gold Hugo)


LUNS 22  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL

CON EL VIENTO

Meritxell Colell, España, 2018, 105 min., VO

Lingua orixinal: español

*Sesión en colaboración coa Filmoteca de Galicia

Mónica é bailarina en Bos Aires. O seu pai está moi enfermo e o regreso á casa familiar dun pobo de Burgos reabre antigas feridas e permite curar outras. Mónica vive de novo coa súa nai despois de anos distanciada, xuntas terán que vender a casa e a súa irmá Elena, que dende Barcelona mantivo os lazos familiares todo este tempo, vese relegada. Mónica refúxiase no que mellor coñece, a danza, para reconciliarse cunha vida e un espazo que deixou atrás. A complicidade de Berta, a máis nova da familia, axudará a renovar os vínculos entre estas catro mulleres.

Málaga 2018 (Biznaga de Prata Mellor Filme Zonazine)

D’A Barcelona Film Fest 2018 (Premio Talents)

Donostia 2018 (Made in Spain)

Berlinale 2018 (Forum)


MARTES 30  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL

UNHA PASTELARÍA EN TOKIO

Naomi Kawase, Xapón, 2015, 113 min., VOSE

Lingua orixinal: xaponés

Sentaro dirixe unha humilde pastelaría en Tokio, onde serve dorayakis, uns pasteis doces recheos de feixón vermello. Cando unha anciá chamada Tokue se ofrece a axudarlle na cociña, Sentaro accede un pouco a desgusto. Mais enseguida descobre que as súas mans son quen de facer maxia. Ela ten o segredo para facer unha exquisita pastelaría e a clientela non tarda en decatarse do cambio.

Festival de Cannes 2015 (Sección oficial – Un Certain Regard)

Festival Internacional de Valladolid 2015 (Sección oficial)


O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!