Presentación de ‘Pontevedra no Bandullo’ | © Concello de Pontevedra

‘Pontevedra no Bandullo’, paseos familiares para coñecer mellor a Boa Vila e saborear os produtos do país

17 Xullo 2024

O Concello de Pontevedra promove un ciclo de roteiros pensados para crianzas, onde se fía historia, patrimonio, anécdotas e gastronomía entre o 30 de xullo e o 2 de agosto


A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, presentou esta mañá, acompañado de Cora Velasco, da empresa Leucoíña Pasea, as novas rutas gastronómicas familiares que se porán en marcha na vila de Pontevedra.

«Coido que unha das cuestións máis interesantes desta cidade, alén de todas as bondades que ten Pontevedra, é a súa amabilidade coas crianzas. Desta base xorde a idea de traballar roteiros para familiares, promovendo actividades que se poidan desenvolver durante o verán, e nas que poidamos coñecer un chisco máis a nosa vila, paseando e gozando, descubrindo anécdotas», indicou a edil. «Engadimos a perspectiva da gastronomía, un recurso moi acaído para poñer en valor a alta calidade e a oferta que temos nesta cidade».



Os roteiros familiares gastronómicos agrúpanse baixo o nome de ‘Pontevedra no Bandullo’ e terán como fío condutor a propia historia da Boa Vila a través das súas prazas e da súa vinculación coa gastronomía, ademais dun establecemento icónico como é La Navarra —bar máis lonxevo da cidade— ou o Mercado.

«O roteiro incluirá unha cata, como non podía ser doutro xeito, de produtos autóctonos, locais e do país», explicou Velasco, puntualizando que se terá en conta calquera tipo de intolerancia alimentaria.

Os paseos desenvolveranse entre os días 30 e 31 de xullo (ás 11.00 horas) e os días 1 e 2 de agosto (desde as 11.00 horas). Son roteiros pensados para crianzas maiores de 5 anos, que poderán ir acompañadas dun adulto (non de dous).

O número de prazas é limitado por visita mais son de balde. Así, requiren inscrición previa no enderezo electrónico paseapontevedra@gmail.com.

Está pasando!