O festival SonRías Baixas anuncia as datas da súa próxima edición

29 Novembro 2024

Tras un 2024 pechado cun balance moi positivo e no que se bateron todos os récords de asistencia, SonRías Baixas anuncia hoxe que as datas da súa próxima edición serán o 1, 2 e 3 de agosto.

Conseguindo reunir durante o pasado agosto a máis de 26.000 persoas no recinto de As Lagoas de Bueu, o festival preséntase xa como unha das citas musicais esenciais que ofrece a Península de Morrazo durante o verán.

As últimas edicións, os asistentes ao evento, que en 2025 celebrará a súa 22ª edición, foron testemuñas das actuacións de artistas como La Oreja de Van Gogh, La Pegatina, Natos y Waor ou Rozalén, unidas á dun bo puñado de bandas de máis recente creación pero con gran proxección e que xa pasaron á historia do festival, como Arde Bogotá, Grande Amore ou Ginebras.

A programación completa de SonRías Baixas 2025 darase a coñecer o vindeiro mércores 4 de decembro, e de novo caracterizarase por unir no mesmo cartel a artistas de moi diversa índole, experiencia e xénero musical, primando para a súa elección conseguir facer do evento un lugar de diversión e no que poder gozar da música sen prexuízos e rodeados dunha contorna absolutamente privilexiada.

Non en balde, a 21ª edición do SonRías Baixas, organizada pola promotora PlayPlan, xerou un impacto económico no territorio de 2,3 millóns de euros e nela traballaron case 1000 persoas.

Está pasando!