Tanxugueiras colaboran no novo disco de Hard GZ en ‘Sangue’

17 Novembro 2023

Apenas un par de semanas despois da estrea da colaboración entre Tanxugueiras e Juancho Marqués na emotiva ‘As que tiñan que estar’, as galegas volven estar de actualidade cun novo lanzamento.

Hoxe viu a luz o novo álbum de Hard GZ, ‘Lacosta’, que inclúe ‘Sangue’, canción á que unen as súas voces Tanxugueiras. Centrada no mar e a vida mariñeira, o corte continua co estilo ao que nos ten acostumados o rapeiro, describindo a súa realidade de maneira bela e crúa á vez, servindo tamén como homenaxe á súa terra.

Esta combinación fai lembrar a esas colaboracións entre grandes rapeiros e grandes voces do panorama internacional, nas que os versos rapeados encaixan á perfección con retrousos cantados cargados de harmonías e potencia vocal. Sen dúbida unha combinación abocada ao éxito, pero co engadido dunha temática crúa e centrada en Galicia e as súas xentes.



O tema chega xusto na recta final da xira de Tanxugueiras, que fará a súa penúltima parada o día 24 en Burgos, e culminará esta prolífica etapa por todo o alto nun concerto fin de xira o 16 de decembro no Coliseum da Coruña. O Derradeiro Diluvio suporá todo un fito na carreira das galegas e deixará, sen dúbida, moitos momentos para a lembranza. De momento, Rayden, Rozalén, a nominada aos Latin Grammy Valeria Castro, Guadi Galego ou Muerdo, xa confirmaron a súa participación, e nas próximas semanas descubriremos máis sorpresas.

Ademáis, nas próximas semanas estarán colaborando con La MODA, o día 25 de novembro e con Rayden o 2 de decembro, ambos no icónico Wizink Center de Madrid.



MÁIS SOBRE TANXUGUEIRAS…

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis achegados ao trap ou á electrónica.

A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.

O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que as fixo triunfar xa en escenarios de varios países.
Aválanas éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’, ‘Averno’ (colaboración con Rayden), ‘Pano corado’ ou ‘Terra’, tema co que se alzaron como favoritas do público no Benidorm Fest.

Todos estes singles forman parte do seu último disco, “Diluvio”, publicado en xullo de 2022 e que continúan presentando este 2023 nun potentísimo show, a Xira Midas, da man da súa oficina PlayPlan e estreando nova música editada por Calaverita Records.

Tanxugueiras foron recentemente galardoadas co premio Artista Revelación Alternativo 2023 outorgado polos Premios Odeón. Organizados por AGEDI, (Entidade de Dereitos de Propiedade Intelectual que agrupa aos produtores fonográficos do país), estes galardóns premian aos traballos discográficos de artistas españois de 2022 máis exitosos en termos de vendas. Un recoñecemento máis que non fai senón reflexar o excelente momento de forma que atravesa a banda. Tamén obtiveron dous premios nos últimos Premios MIN correspondentes ás categorías “Mellor álbum en galego” e “Mellor álbum de música de raíz” por “Diluvio”. Ademáis, o mes pasado alzáronse tamén co Premio da Crítica de Galicia na categoría Música.

Son o son dun pobo internacionalizado. Son a cultura tradicional na pista de baile. Son todos os mundos nun. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”.


Está pasando!