Demetrio Gómez e Orbil presentan o XXVI Salón do Libro | Concello de Pontevedra

Un Salón do Libro con máis de 300 actividades para público escolar, infantil e familiar e tamén adulto

11 Marzo 2025

  • O XXVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil chega a Pontevedra entre o 21 de marzo e o 6 de abril con máis de 300 actividades para público escolar, infantil e familiar e tamén adulto.
  • A partir das 17.00 h de hoxe estará operativa a web www.salondolibro.gal co programa e o prazo de inscrición aberto para aquelas actividades que o requiren.
  • A cultura e literatura francesa e bretoa estará moi presentes no programa, así como as colaboracións con diferentes entidades, agrupacións musicais locais, centros de ensino, etc.

O concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado do lobo Orbil, un programa do Salón do Libro “que medrou tanto que xa non cabe no Pazo e o Recinto.

Fixemos moitos esforzos para completar un programa tan chulo coma este e tamén con aspectos de mellora a nivel inclusión e accesibilidade. Hai tempo que temos lingua de signos pero imos signar a inauguración e a clausura e algunhas actividades. Queremos que todas e todos teñan acceso en igualdade de concidións ao Salón do Libro polo que en colaboración coa ONCE, imos ter máis libros en braille, información sobre os espazos en braille e con pictogramas, en colaboración coa Asociación BATA.

Teremos tamén auriculares para redución de ruído para as persoas que os precisen e haberá un espazo tranquilo e un espazo de lactancia no 1º andar. Mantemos a colaboración con entidades que nos visitan cada ano como BATA, Down Pontevedra, Amencer – Aspace, BATA, TDAH Salnés, Xoan XXIII e todas as entidades que permiten que o Salón chegue as persoas máis diversas e con necesidades.


Cartel do XXVI Salón do Libro, obra de Nuria Díaz

Tamén fixemos un esforzo a nivel de programación: a maiores das máis de 150 actividades que vedes no programa, haberá outras tantas en horario de mañá concertadas con centros de ensino de infantil, primaria e secundaria de preto de 40 centros colaboradores e tamén para os visitantes, que en total serán preto de 70. Participarán en visitas guiadas, obradoiros, contacontos, espectáculos, encontros con autoras, etc.

Tamén medra o programa das tardes e fin de semana con outras 150 actividades que tedes no programa, que estará dispoñible a partir das 17h de hoxe no web salondolibro.gal onde estará tamén aberta a inscrición para aquelas actividades que o precisan.

Recomendo que se lea o programa, que se mire con acougo o web porque é imposible resumir toda esta programación que temos aquí, que vai contar con 14 espectáculos de estrea absoluta moitos deles deseñados en exclusiva para o Salón, tamén hai moita presencia de Francia e a Bretaña, da súas linguas e literaturas e cultura, con actividades creadas para o Salón por persoas francesas afincadas en Galicia.

Xa outros anos saímos do Pazo coa Orbil parade ou o cinema no Teatro Principal organizado polo Cineclube, pero este ano estaremos na Libraría Paz, o Verbena Bar, o Mercado, Mugartegui.. porque queremos medrar tamén no rango de idades.

Hai moitas máis actividades que outras anos para bebés porque tiñan moita demanda, pero polo outro rango de idade, temos tamén moitas máis actividades para público adulto con faladoiros VIP con Ledicia Costas, Consuelo Vercher, etc. as ‘Soirée de poésie’ no Verbena e Paz, un obradoiro de danza Bretona, os Contos da Revolución: de Neira Vilas a Brassens en colaboración con A Pedreira e incluso unha cata de viños en Mugartegui.


Demetrio Gómez e Orbil presentan o XXVI Salón do Libro | Concello de Pontevedra

A maiores do esforzo a nivel programación tamén fixemos un esforzo loxístico, xa que replantexamos algúns espazos do Salón, reubicando o escenario do Recinto Feiral, ampliamos espazo de merendas que era unha demanda que existía, melloramos o espazo de contacontos, e cambiamos algunhas tripilacións para que o Salón funcione mellor e o público que asiste estea máis cómodo.

O Salón contará este ano com moitas visitas especiais como a de Marceline Loup que desvelaremos nos próximos días, pero teremos o día 26 a visita de Ponte… nas ondas!, o 30 a Troca de Libros, recibiremos as escolas de Ciencias da Educación de Galicia, o IES Illa da Ons de Bueu co espectáculo ‘Miserábeis’, o IES Valle Inclán que vai representar co seu alumnado ‘Le Petit Prince’ co alumnado de francés, virá Bibo Palula, a serie de animación en galego, o MUVI, e estarán con nós tamén o CMUS Manuel Quiroga, o Coro García Limeses, o RockLab, a Orquestra Sinfónica, a Banda de Música de Pontevedra, etc. O Salón vai recibir a moitísimas entidades que nos axudan a que sexa cada día mellor.

Tamén celebraremos durante o Salón o Día da Narración Oral, o Día Mundial do Teatro, o Día das Artes Galegas, o Día Internacional do Libro Infantil cos Premios Lazarillo, que nos fai especial ilusión porque por primeira vez saen do circuito Madrid-Barcelona pero amais, o Salón do Libro abre coa primavera, temos un eclipse e incluso celebraremos os 130 anos desde que os irmáns Lumiere en Francia inventaron o cinema tal e como hoxe o coñecemos.

Teremos un set de grabación de pelis piratas no Recinto e o máis importante, a nosa biblioteca con máis de 4000 libros en galego pero en outros idiomas que este ano incorporarán os libros en francés ou traducidos do francés para que os nenos e nenas poidan ler alí ou levar en préstamo para casa”.

Antes de rematar o concelleiro enumerou as 17 exposicións que formarán parte da ambientación do Salón entre as que destacou a de homenaxe á figura dos tradutores Isabel Soto e Xavier Senín, o universo Astérix do Garaxe Hermético, ‘Unha libra de libros libres’ de Ana Seoane, as pelis de OQO, ‘Cousas de libros’ de Manuel Lourenzo, o ‘Universo Chaplin’ da autora do cartel, Nuria Díaz e como non, os traballos escolares do centros de ensino colaboradores.

“Hai que revisar o programa, ler con acougo porque o máis importante é que este ano o Salón medra para que todos e todas teñamos acceso libre e en igualdade a estas maravillosas actividades sen importar a nosa condición ni a nosa idade. Temos que seguir sendo nenos e nenas toda a vida e desde o Salón estamos dispostos a axudar a que sexa así”.

Está pasando!