O Cineclube Pontevedra presenta a programación de outubro protagonizada por Agnés Varda e Hong Sang-soo

2 Outubro 2021

En outubro continúa a programación de outono no Cineclube Pontevedra con Agnés Varda protagonizando as sesións do martes o cos luns de filmoteca dedicados a Hong Sang-soo.


Martes 5  | 20:30 

DAGUERRÉOTYPES

[DAGUERROTIPOS]

Agnès Varda, 1975, 78 min., Francia, VOSE

Lingua orixinal: francés

Agnès Varda filma a esquina da rúa Daguerre, no distrito 14º de París, onde viviu durante moitos anos. A rúa débelle o nome a Louis Daguerre, precursor da fotografía moderna, que en 1839 constrúe o procedemento fotográfico que coñecemos coma daguerrotipo.

Varda retrata os pequenos comerciantes do seu barrio: o carniceiro, a panadeira, o tendeiro do ultramarinos ou o perruqueiro son agora “daguerrotipos vibrantes”.


Luns 11 | 20:30

HOTEL BY THE RIVER

[O HOTEL Á BEIRA DO RÍO]

Hong Sang-soo, 2018, 96 min., Corea do Sur, VOSE

Lingua orixinal: coreano

Un poeta que se hospeda nun hotel á beira dun río convoca os seus dous fillos, cos que non se reúne dende hai tempo. Esta súbita decisión parece estar motivada pola súa estraña impresión de que vai morrer en calquera momento.

Mentres a familia tenta poñerse ao día, unha moza que foi enganada pola parella múdase ao hotel. Sumidos na desesperación, unha repentina nevada mestura ambas historias.

Mellor Actor no Festival de Locarno / Mellor Película, Mellor Guión e Mellor Actor no Festival Internacional de Cine de Xixón.


Martes 12 | 20:30

MUR MURS

[MURO MUROS]

Agnès Varda, 1981, 85 min, Francia, VOSE

Lingua orixinal: francés / inglés

Mur murs é un filme sobre as pinturas murais que engalanan as rúas de Los Angeles. Sobre as persoas que as crearon e sobre quen as contempla cada día ao seu paso. A cidade fala a través dos seus coloridos muros, que a converten en galería de arte ao aire libre.

Mur murs é un estudo colorista e cheo de vida da urbe e das diversas comunidades que a habitan. Un catálogo das obras e artistas que iluminan as rúas de LA.


Martes 19 | 20:30

DOCUMENTEUR

[DOCUMENTIRA]

Agnès Varda, 1981, 63 min, Francia, VOSE

Lingua orixinal: francés / inglés

Emilie é unha muller francesa que acaba de divorciarse e que procura un lugar onde vivir co seu fillo de 8 anos en Los Angeles. Logo de atopar unha residencia, Emilie comeza a recuperar mobles usados para o seu novo fogar, onde leva unha vida solitaria e dedicada ao seu fillo.

Documenteur fíxose inmediatamente despois de Mur murs, e aínda que diferentes, os dous filmes están entretecidos de maneira complexa. En palabras da propia Varda «Mur murs trata da Arte como expresión colectiva da Vida; Documenteur da Vida como expresión persoal da Arte da Vida». Xuntas forman un marabilloso díptico sobre a cidade de Los Angeles.


Luns 25 | 20:30

THE WOMAN WHO RAN

[A MULLER QUE ESCAPOU]

Hong Sang-soo, 2020, 77 min, Corea do Sur, VOSE

Lingua orixinal: coreano

Mentres que o seu marido está nunha viaxe de negocios, Gamhee visita tres amigas de toda a vida: Youngsoon ama o seu xardín, Suyoung é profesora de pilates e Woojin é propietaria dun pequeno cine. As tres falan do seu pasado, das súas relacións, e lembran anécdotas das súas vidas.

Gamhee non se separou do seu marido en cinco anos. Ata en tres ocasións, un home xorde de maneira inesperada e interrompe o tranquilo fío das súas conversas.

Oso de Prata á Mellor Dirección na Berlinale 2020 / Nominada ao Oso de Ouro ao Mellor Filme na Berlinale 2020 / Mención Especial no Festival de San Sebastián – Zabaltegui Tabakalera.


Martes 26 | 20:30

BLACK PANTHERS

[BLACK PANTHERS]

Agnès Varda, 1968, 31 min, Francia, VOSELingua orixinal: francés, inglés

Black Panthers foi filmada en Oakland (California) durante o verán de 1968. A cámara de Varda rexistra as manifestacións que tiveron lugar arredor do xuízo de Huey Newton, líder do Black Panther Party for Self Defence, encarcerado baixo a acusación de matar un policía nun enfrontamento na rúa.

Na altura, os Black Panthers tiñan un programa político e proxectos, con adestramento de tropas, bailes e declaracións, e eran unha preocupación para os EE UU.

+

SALUT LES CUBAINS

[OLA, CUBANOS]

Agnès Varda, 1963, 30 min, Francia, VOSE

Lingua orixinal: francés

Homenaxe a Cuba, froito dun convite que Varda recibe do Instituto de Cine Cubano, catro anos despois do triunfo da revolución. Unha montaxe de 1800 fotos, tras seis meses de rigoroso esforzo, amosa o ritmo de vida, a calor e as primeiras tentativas de implantación do socialismo no país caribeño, usando cancións populares cubanas e coa narración a cargo de Michel Piccoli.


O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!