Presentación da Festa do Codillo 2022 | © Concello de A Lama

O Concello da Lama presenta a XX edición da Festa do Codillo co que pretende recuperar a normalidade das celebracións gastronómicas na comarca baixando o seu prezo a 10 euros

7 Maio 2022

O tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, presentaron este venres a XX edición da Festa do Codillo que terá lugar na Alameda o vindeiro domingo 22 de maio a partir das 13:30 horas e que pretende reunir baixo enormes carpas a un milleiro de comensais e que presenta como novidade máis salientable unha rebaixa no prezo dos 12 aos 10 euros que custará o prato.

Na presente edición, que chega despois do parón obrigado provocado pola pandemia da Covid-19, os organizadores agardan recuperar a normalidade e sumar un milleiro de comensais que a poderán degustar o saboroso codillo a partir das 13:30 horas prolongando o seu reparto ata esgotar existencias, non máis alá das 15:00 horas.

Como en edicións anteriores, o Concello realizará unha cata previa a través da empresa Cátering Arelas, encargada de servir o xantar, para decidir entre o xurados cal será a preparación elixida para o codillo deste ano.

A principal novidade deste ano, segundo salientarion David Carrera e Daniel Vidal, é a rebaixa do prezo de 12 a 10 euros como un xeito de apostar pola festa e de facilitar que veciños e visitantes se acheguen ata a Alameda para degustar este manxar a prezos populares “conscientes das dificultades económicas que estamos a pasar por efectos da inflación, a suba da luz, dos combustibles, etc. Queremos recuperar a normalidade desta festa gastronómica, senlleira na comarca, e queremos facelo facilitando ao máximo que a xente poida participar. Temos que agradecer neste sentido tamén a Cátering Arela a súa colaboración, así como a doutros provedores da Festa que nos axudaron a poder facer este esforzo desde o Concello e deixar o prezo do ticket en 10 euros”, indicaron Carrera e Vidal.

A venda anticipada de tíckets levarase a cabo nas oficinas municipais e a un prezo excepciónal de 10 euros co que se terá dereito a degustar nas mesas e bancos habilitados baixo enormes carpas o codillo, levarse o prato de barro serigrafiado coa presente edición da Festa, pan, viño ou auga, garfo e coitelo.

David Carrera e Daniel Vidal informaron tamén que se reforzará a organización e habilitaranse varios accesos para evitar que se acumule nunha cola soa o servizo de dispensado de racións co fin de axilizar ao máximo a repartición das mil racións que se prevén para este evento gastronómico o máis numeroso da comarca Verdugo-Oitavén.

Ademais da actividade meramente gastronómica, a XX Festa do Codillo estará amenizada musicalmente falando pola agrupación pola Charanga ‘Os Encerellados’ e a Banda de Música Municipal da Lama que animarán toda a xornada.

Nesta edición tamén haberá unha Mostra de Produtos da Terra adicada especialmente a promocionar a agroalimentación ecolóxica e de produtos naturais procedentes de hortas, elaborados tradicionais e mesmo novas iniciativas naturais desenvolvidas por emprendedores e artesáns galegos.

Os concelleiros tamén animaron ás persoas que se acheguen a degustar o codillo á Lama que aproveiten para coñecer os diversos atractivos turísticos do municipio compostos por diferentes rutas de sendeirismo, paraxes naturais incomparables e ríos de augas excelentes como o Verdugo ou o Oitavén.


Está pasando!