Tui inicia o ano coa exposición ‘De Mar a Mar: O Camiño de Santiago en 3D’

14 Xaneiro 2021

A Sala de Exposicións Municipal na Área Panorámica de Tui acolle ata o 10 de febreiro, a exposición ‘De Mar a Mar: O Camiño de Santiago en 3D’. Esta exposición chega a Tui grazas á cesión realizada por Turismo de Galicia.

As fotografías expostas realizáronse coa técnica estereográfica, polo que para a o seu visionado son precisas unhas gafas especiais que se proporcionan de balde aos visitantes.

A exposición presenta unha trintena de imaxes en tres dimensións do Camiño Portugués e do Camiño de Fisterra e Muxía en tres dimensións, con pezas espectaculares e de gran formato.

O título desta mostra fai referencia ao mar das rutas atlánticas co que comeza a exposición, ao mar das costas lusitana e galega, tan ligado aos camiños portugueses de peregrinación a Santiago así como ao chamado camiño inglés, para rematar, unha vez se chega a Compostela, no océano aberto da Costa da Morte, final físico e simbólico do camiño a Fisterra e Muxía.

Na exposición amósase o Camiño de Santiago coma unha ruta universal, espiritual, histórica e monumental. É o primeiro Itinerario Cultural Europeo, que ten como meta a chegada á tumba do apóstolo Santiago o Maior en Santiago de Compostela, recollido en imaxes que representan un encontro co patrimonio histórico, a natureza, a paisaxe e a confraternidade entre as xentes peregrinas.

Está pasando!