A Finca de Briz a piques de converterse nun Parque do Terror polo Samaín

25 Outubro 2024

A Finca de Briz xa se prepara para pasar de ser o Parque dos Sentidos a ser o Parque do Terror na véspera do Día de Todos os Santos. O 31 de outubro volverá ser un día inesquecible na vila de Marín, coa ambientación completa da finca para conmemorar esta Noite de Defuntos nun ambiente de ocio e de espectáculo.

Os operarios da Fundación Juan XXIII están traballando arreo na transformación do espazo, creando as estruturas nas que se montarán os túneles do terror, que xa teñen nome: “Hotel Terror Cañeiro”, da Comparsa Os da Caña, e “O Taller Esquecido”, do Club Deportivo La Peña.

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín foi desvelando algúns detalles da programación do Samaín Briz 2024: “Como outros anos, contaremos con varias estacións de medo de acceso libre, repartidas por toda a Finca, e que se realizarán a cargo das comparsas Val do Lérez, Cor Café e As Sonecas, así como outros colaboradores”.



A apertura da Finca será ás 18.30 horas e haberá programación e actividades ata ben entrada a madrugada. Sanmartín recorda que as rutas “terán cola e haberá que esperar, pero paga a pena desfrutar dos sustos terroríficos que nos terán preparadas as súas entidades que as organizan”.

A maiores, entre as 19.00 e as 23.00 horas haberá espectáculos na lagoa central da Finca, así como postos de comida e ambientación musical. Para os máis peques da casa e para desfrutar en familia estará habilitada de 18.30 a 22.00 horas a zona do PequeSamaín, con pintacaras, xogos, animación, baile das Zumbis…

O Concello de Marín agradece a comprensión polo peche dalgunhas zonas do parque para os labores de montaxe e anima a toda a veciñanza a participar, cos seus mellores disfraces, dunha festa “que nos pon no mapa das festividades de outono de toda Galicia e que estamos encantados de que sexa un auténtico referente”.



XOVES 31 DE OUTUBRO | 18:30 H | FINCA DE BRIZ | ENTRADA LIBRE E GRATUÍTA

18.30H APERTURA DA FINCA

18.30 A 22.00H PEQUESAMAÍN:

  • Pintacaras
  • Xogos infantís e en familia
  • Animación
  • 20.00H Baile das zumbis

18.30 A 22.00H ESTACIÓNS DO MEDO:

  • O convento do terror
  • O manicomio da morte
  • A cova do asustador
  • Cole, cole, que te pillo

18.30 A 21.00H (PECHE DE COLAS)

RUTAS:

  • Hotel Terror Cañeiro
  • O Taller Esquecido

ESPECTÁCULOS:

  • 19.00H Gritos, terror e loucura en Briz
  • 19.30H 1º Pase “A serea das sombras”
  • 20.30H Gritos, terror e loucura en Briz
  • 21.30H Gritos, terror e loucura en Briz
  • 22.00H 2º Pase “A serea das sombras”
  • 23.00H Gran peche final

Postos de comida, ambientación musical… e moitas cousas máis!

TEN EN CONTA:

  • A Finca é un espazo natural. Non está garantida a accesibilidade total a todas as zonas.
  • Recomendamos non acceder ás rutas con:
    • Bebés
    • Carriños
  • O Samaín Briz é gratuíto. Disfruta, pásao de medo e ten paciencia.
  • O acceso ás rutas implica facer colas. No resto da finca podes disfrutar libremente.
Está pasando!