A programación de marzo do Cineclube Pontevedra tráenos títulos de Emmanuel Mouret, Payal Kapadia, Pablo Gil Rituerto e Agnès Varda

27 Febreiro 2025

O Cineclube Pontevedra exhibirá no mes de marzo a primeira longametraxe de ficción da cineasta india Payal Kapadia, ‘A luz que imaxinamos’ (2024), gañadora do Gran Premio do Xurado no Festival de Cannes de 2024 e calificada polo ICAA como especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero.

A programación inclúe tamén outra estrea recente, ‘La Marsellesa de los borrachos’ (2024), ópera prima do madrileño Pablo Gil Rituerto, que segue as pegadas do grupo italiano Cantacronache na súa viaxe por España do ano 1961 á procura das cancións populares da resistencia antifranquista.

A programación dos martes complétase coa comedia amorosa ‘Crónica dun amor efémero’ (2022), do cineasta francés Emmanuel Mouret.

Pola súa banda, as sesións dos luns, programadas en colaboración coa Filmoteca de Galicia, dedicaránselle aos inicios da cineasta francesa Agnès Varda, precursora da nouvelle vague, de quen se poderá ver a súa primeira longametraxe, ‘La Pointe Courte’ (1955) e mais unha sesión de tres curtametraxes.



Todas as sesións terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.

O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.


LUNS 10 DE MARZO

‘La Pointe Courte’ (Agnès Varda, 1955, Francia, 86 min., VOSE, Lingua orixinal: francés).

Logo de catro anos de relación, unha parella está a piques de separarse. Na aldea natal do home, unha vila de pescadores chamada La Pointe Courte, preto de Sète, reviven sentimentos e inquedanzas. A historia desta parella en crise convive no filme co retrato documental da vida cotiá do barrio, onde a pesca e o marisqueo teñen que lidar coa industria, a contaminación ou os estritos controis das autoridades.

A primeira longametraxe de Agnès Varda, montada por Alain Resnais e (auto)producida en réxime de cooperativa, é un filme libre e cheo de autenticidade —nacido cando aínda a nouvelle vague era algo non imaxinado— que contén pegadas de Rosselllini.


MARTES 11 DE MARZO

‘Crónica dun amor efémero’ (‘Chronique d’une liaison passagère’, Emmanuel Mouret, 2022, Francia, 100 min., VOSE, Lingua orixinal: francés).

Non recomendada para menores de 12 anos.

Unha nai solteira e un home casado convértense en amantes. Comprometéronse a vivir só unha aventura clandestina con data de caducidade e a non ter ningunha esperanza no amor, conscientes de que a súa é unha relación sen futuro.

Manteñen os seus sentimentos a raia con exquisita educación e filosofan sobre a súa teórica ausencia de implicación emocional. Mais, con todo, sorpréndense polo seu entendemento, a súa alquimia e o pracer de estaren xuntos.


MARTES 18 DE MARZO

‘A luz que imaxinamos’ (‘All We Imagine as Light’, Payal Kapadia, 2024, India, 118 min., VOSE, Lingua orixinal: hindi e malabar).

Filme especialmente recomendado polo seu fomento da igualdade de xénero (ICAA)

Non recomendada para menores de 12 anos.

En Mumbai, a rutina da enfermeira Prabha vese alterada cando recibe un agasallo inesperado do seu marido, do que está distanciada. A súa compañeira de cuarto, Anu, tenta en van atopar un lugar na cidade para ter intimidade co seu mozo.

Unha terceira muller, Parvaty, é desaloxada da súa casa por causa da especulación inmobiliaria e a xentrificación. Unha viaxe a unha vila costeira permitiralles atopar un espazo para que os seus desexos se manifesten.

Gran Premio do Xurado en Cannes 2024.

Nomeada a Mellor Dirección e Mellor Filme Internacional nos Globos de Ouro 2025.


LUNS 24 DE MARZO

Proxección de 3 curtametraxes de Agnès Varda (65 min., VOSE, Lingua orixinal: francés).

‘Du côté de la côte’ (1958). Diario persoal e filme de viaxes feito para a Oficina de Turismo francesa. Unha estrutura libre permítelle a Varda abordar as cuestións e as paisaxes máis variadas, creando produtivas analoxías a través dun percorrido pola Costa Azul francesa.

‘Oncle Yanco’ (1967). En 1967 Varda está en San Francisco, homenaxeada polo certame cinematográfico da cidade xunto ao seu compañeiro Jacques Demy. De xeito inesperado decide realizar unha curtametraxe sobre un home que quince días atrás aínda non coñecía, Jean Varda, un pintor naif moi coñecido especialmente na comunidade hippy, que resulta ser o seu tío. Rodada en tres días, Varda capta á perfección moitos compoñentes do momento histórico (psicodelia, contracultura, activismo político) ao tempo que establece un eficaz retrato persoal.

‘Ulysee’ (1983). En expresión da súa directora, o filme interroga unha imaxe: unha fotografía tomada en maio de 1954. Á beira do mar: unha cabra morta, un cativo (Ulysse) e un home nu. Vinte e oito anos despois, a memoria arma un relato cheo de lembranzas, divagacións e datos posibles sobre aquel momento.


MARTES 25 DE MARZO

‘La Marsellesa de los borrachos’ (Pablo Gil Rituerto, 2024, España, 93 min, VOSE, Lingua orixinal: italiano, español, galego, catalán)

No verán de 1961, un grupo de músicos e escritores esquerdistas italianos chamado Cantacronache realizou unha viaxe clandestina por España co fin de gravar o cancioneiro popular da resistencia antifranquista.

Como resultado do seu traballo, foron procesados e as súas gravacións censuradas. Sesenta anos despois e da man de Emilio Jona, de 92 anos, último membro vivo daquel grupo de viaxeiros, Pablo Gil Rituerto recupera as gravacións inéditas e reconstrúe a súa viaxe.

Aquelas músicas reviven agora na pantalla da man de Faia Díaz, O Leo, Maria Arnal i Marcel Bagès, Nacho Vegas ou Coro Minero de Turón, entre outros.

Está pasando!