María Martínez coa súa exposición ‘Expresións humanas’ | Concello de Sanxenxo

A pintora María Martínez expón a súa colección ‘Expresións humanas’ no vestíbulo do Auditorio Emilia Pardo Bazán

10 Marzo 2025

A artista de Sanxenxo María Martínez expón durante o mes de marzo a súa colección ‘Expresións humanas’ no vestíbulo do Auditorio Emilia Pardo Bazán.

Vinculada desde sempre ao traballo creativo e alumna do Centro de Arte de Sanxenxo desde hai doce anos, coincidindo coa súa xubilación, Martínez mostra máis dunha trintena de retratos a pastel.

“Para min a pintura é unha vía de escape e vir ao Centro de Arte permitiume coñecer xente e seguir creando”, asegura. A técnica de pastel permítelle traballar en casa porque non é necesario empregar disolvente. “En tres ou catro días cun par de horas diarias fago un retrato. Teño cantidade…”, explica.


Exposición ‘Expresións humanas’ | Concello de Sanxenxo

O tenista Rafa Nadal foi a súa fonte de inspiración á hora de iniciar a colección de retratos de expresións humanas. “Gústame moito como deportista e é tan expresivo coa cara, fai tantos xestos, que me dá moito xogo á hora de pintar”, sinala. De feito, na exposición hai varios cadros dedicados ao deportista mallorquino.

Pero tamén hai retratos histriónicos de personaxes variados, algúns perfectamente identificables, como Albert Einstein ou o personaxe Mr. Bean, outros non. A expresividade, execución e colorido dos cadros caracterizan a mostra.

A colección poderá visitarse ao longo do mes de marzo no vestíbulo do Auditorio Emilia Pardo Bazán durante o horario de apertura das instalacións.

Está pasando!