A Concellería de Cultura da Guarda propón unha exposición de poemas de Xela Arias polos comercios da vila

8 Maio 2021

A concellería de cultura da Guarda ideou unha programación en torno a Xela Arias centrada en divulgar a súa obra entre os guardeses.

Xela foi docente do Instituto da Sangriña, e tralo seu pasamento, a súa figura seguiu viva a través do certame de poesía “Xela Arias” que  o Instituto da Sangriña mantivo durante case unha década, cunha destacable repercusión e calidade nos poemas concursantes e gañadores.

Conscientes de que a poesía é un xénero menos seguido polos lectores e a figura desta singular poeta é pouco coñecida pola gran parte dos nosos veciños, quixemos centrarnos en levar a súa obra á rúa. E por iso propomos encher os escaparates dos comercios cunha selección de poemas.

Os comercios que queiran adherirse á iniciativa só teñen que enviar un correo electrónico a cultura@aguarda.es indicando o nome do comercio e a súa localización.

Os poemas estarán impresos sobre unha superficie ríxida nunhas dimensións de 40x70cm. que os comercios acomodarán no seu escaparate como mellor consideren.

Os carteis deberán permanecer colocados durante un mes, comezando na semana do 18 de maio, ata a semana do 18 de xuño.

Ademais desta iniciativa, a Concellería de Cultura organizou outras dúas actividades centradas tamén na divulgación da súa obra: unha lectura conxunta de poemas o sábado 22 de maio, con participación de alumnado do IES A Sangriña e un espectáculo baseado no poemario ‘Intempériome’ para o sábado 29 de maio no Centro Cultural da Guarda.

Está pasando!