Carme Fouces na presentación de ‘A Foto 51’ | © Concello de Pontevedra

‘A Foto 51’ encherá o Teatro Principal de Pontevedra de divulgación científica rigorosa á par que entretida, co foco posto no papel da muller dentro da mesma

19 Xaneiro 2023

  • O Concello promove 13 conferencias distintas, de curta duración, que ofrecerán unha información variada, que vai desde as matemáticas até o cosmoloxía, pasando pola medicina
  • Ademais, tamén figuran as Nanocharlas, pequenos apuntamentos que precisan de inscrición previa onde a xente poderá tentar divulgar de xeito amateur e expoñer algún feito de interese 

A concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Carme Fouces, presentou na mañá de onte, 18 de febreiro, unha nova cita de carácter divulgativo e científico baixo o nome ‘A Foto 51’.  

«Desde que hai rexistros a ciencia vainos acompañando na historia humana: o lume, a roda, as vacinas, os foguete espaciais… Estamos nun intre onde mesmo os medios xeralistas utilizan un grande espazo das súas edicións para noticias sobre ciencia, hai canles especializadas, podcasts temáticos… Que queremos facer nós? Levar a ciencia até a nosa cidade», indica a edil.

O Concello procura con este programa ofrecer unha nova mirada sobre a ciencia, partindo de bases actuais e necesarias, como a perspectiva de xénero. «É un eido onde tamén se repiten patróns negativos, como é o desigual reparto de poder e responsabilidade e até persecución das mulleres ao longo da historia. A día de hoxe, existe unha fenda brutal entre a carreira profesional dun home e a carreira profesional dunha muller dentro da ciencia. Temos o exemplo doado de atopar na sanidade, onde sabemos que hai unha aplastante maioría de mulleres en Medicina, pero se sobes na escala os equipos son dirixidos por homes, as mulleres comezan a desaparecer», contextualiza Fouces.



En que consiste ‘A Foto 51’? Coincidindo de xeito próximo coa celebración do Día internacional da muller e a nena na ciencia (11 de febreiro), o Concello crea este evento de divulgación científica que se celebrará entre o 10 e o 11 do vindeiro mes.

O venres 10 de febreiro, ás 11:00 horas, o Teatro Principal acollerá a primeira actividade coa conferencia da matemática María Elena Vázquez Cendón, premio María Josefa Wonenburger 2022, que tratará cuestións da súa área científica mais vinculados coa perspectiva de xénero.

Xa o sábado 11, a axenda tornarase máis intensa, tendo como base un encontro divulgativo con até 13 poñentes, que ofrecerán charlas de dez minutos ao longo da mañá e da tarde. «Queremos facer o contrario do que acontece en moitos encontros científicos: aquí máis do 90 % serán mulleres as que falen, xunto cun 10 % de homes. Queremos que sexa representada a presenza real das mulleres na ciencia», explica a edil.

As intervencións do sábado son as seguintes:

  • 11.00h – Presentación do evento
  • 11.15h – Iria Veiga – ‘O terceiro que Camiña a miña beira: alucinacións históricas’
  • 11.25h – Paula Otero – ‘Previr o cancro a golpe de xeringa’
  • 11.35h – Concurso Nanocharlas (https://apuntate.pontevedra.gal/)
  • 12.00h – Descanso
  • 12.20h – Elena Vázquez – ‘Números máxicos’
  • 12.30h – Laura Veiga – ‘Máis diversidade, mellores resultados’
  • 12.40h – Sandra Román – ‘A cultura anti-dieta’
  • 12.50h – Olalla López – ‘Historia das mulleres dos mortos’
  • Esta primeira sesión de mañá tamén contará cun obradoiro para a cativada, para crianzas de entre 7 e 12 anos.
  • 17.00h – Xurxo Mariño – ‘O dilema obstétrico’
  • 17.10h – Joana Magallaes – ‘Tecedeiras de duplas hélices’
  • 17.20h – Eva Cabanelas – ‘Aos gatos nin tocalos’
  • 17.30h – Descanso
  • 17.50h – África González – ‘Inmuno Power: coñece e fortalece as túas defensas’
  • 18.00h – Estíbaliz Espinosa – ‘Cosmos en perspectiva e poema’
  • 18.10h – Tamara Pazos – ‘A perversión do benestar’
  • 18.20h – Premio concurso Nanocharlas
  • 18.30h – Espectáculo co Piano-Bar Periódico ‘Elemental’

As nomeadas Nanocharlas precisan de inscrición previa para participar na web oficial do Concello de Pontevedra, no apartado Apúntate. Son charlas de moi poucos minutos onde a xente pode probar a divulgar, iniciarse neste mundo, tentar explicar ciencia nun formato pequeno.

Doutra banda, tamén está prevista a realización de varios roteiros científicos, para os días 11, 12, 25 e 26 de febreiro, e que tamén precisa de inscrición e reserva de praza en https://apúntate.pontevedra.gal. Cómpre aclarar que non é necesaria ningún tipo de entrada para as conferencias, nin ningún aporte económico.

Por último… Por que ‘A Foto 51’? De onde vén este nome? A ‘Foto 51’ é o nome informal que se lle deu a unha imaxe de difracción de raios X do ADN froito do traballo realizado por Rosalind Franklin ao longo da súa investigación no King’s College de Londres. Esta foto foi unha proba fundamenta para identificar a estrutura do ADN.

Maurice Wilkins mostroulle esta foto a James Watson sen ter Rosalind Franklin coñecemento de tal asunto. Esta fotografía converteuse nunha das probas decisivas que levou á confirmación da estrutura dobre helicoidal do ADN, que fora postulada ao longo de 1953 nunha serie de varios artigos publicados na revista Nature. De tal xeito, a Foto 51 converteuse na proba definitiva que as investigacións destes homes (Watson, Crick e Wilkins), logo gañadores do premio Nobel de Fisioloxía e Medicina, precisaban. Nunca citaron á Franklin nin o seu traballo, nin esta soubo nunca que a súa imaxe fora a peza que precisaban os gañadores do Nobel para probar a súa investigación.

Está pasando!