‘Volta a nado Illa de Tambo’ | © Atlantic Extreme Sports

A III edición da Volta a nado Illa de Tambo-Concello de Poio celebrarase o domingo 28 de xullo

12 Abril 2024

  • As inscricións para as tres distancias de 6 km, 4,5 km e 1 km pódense realizar a través da páxina web www.championchipnorte.com
  • Paralelamente á proba organizarase unha visita guiada á illa, de tres horas de duración, con degustación de mexillóns a bordo dun catamarán para os nadadores e acompañantes o día anterior da proba

A terceira edición da Volta a nado Illa de Tambo-Concello de Poio celebrarase o domingo 28 de xullo en Combarro e contará cos percorridos de 4,5 km e 6 km, que se celebrarán na contorna da illa de Tambo, un dos enclaves naturais máis importantes da ría de Pontevedra.

Ademais, disputarase a distancia de 1 km, na que poderán participar nadadores a partir de 12 anos, que consistirá nun triángulo que se desenvolverá moi preto da Praza da Chousa, o que permitirá que sexa seguida por numeroso público. As inscricións poderán realizarse en championchipnorte.com.

A travesía a nado ten como obxectivos fomentar a natación entre os mozos, consolidarse como unha das competicións de natación en augas abertas máis importantes que se disputan en España e poñer en valor a riqueza natural, cultural, histórica e patrimonial da illa de Tambo, un dos enclaves máis destacados da ría de Pontevedra e cuxa xestión pasou a mans do Concello de Poio en 2022.


‘Volta a nado Illa de Tambo’ | © Atlantic Extreme Sports

A inscrición da travesía a nado inclúe: camiseta, gorro e bolsa conmemorativa, cronometraxe electrónica, balizado, servizo de gardarroupa, avituallamiento durante a travesía e en meta, asistencia médica, seguro de responsabilidade civil e de accidentes, apoio con embarcacións e kaiaks, servizo de masaxes na meta, premios e participación no sorteo de material deportivo. A información da proba e o regulamento están dispoñibles na páxina web www.voltaanadoilladetambo.es.

A proba de 6 km permitirá aos participantes dar a volta completa á illa de Tambo, percorrendo o faro de Tenlo Chico e a praia de Adreirá, e apreciar a riqueza dos fondos mariños, mentres que no percorrido de 4,5 km os nadadores terán que ir ata a praia de Area da Illa, situada ao norte de Tambo. Alí haberá un control de paso obrigatorio para todos os participantes desta distancia. O neopreno será optativo en todos os percorridos, mentres que a boia de seguridade será obrigatoria para os participantes das probas de 4,5 km e 6 km.

As tres distancias serán cronometradas por chip electrónico a través da empresa Champion Chip Norte, e os percorridos estarán balizados con boias para facilitar a orientación dos nadadores. Os participantes estarán acompañados por embarcacións pneumáticas, kaiaks e pádel surf. A organización contará co apoio de Protección Civil de Poio, Escola Naval Militar de Marín, Mariña Combarro, Club Náutico de Raxó, Club Náutico de Sanxenxo, Nauta Sanxenxo e a Garda Civil do Mar. En meta haberá unha ambulancia e médico para velar pola seguridade dos nadadores.

A saída e chegada das tres probas estará situada na céntrica Praza da Chousa, en Combarro, onde estarán situadas tamén as zonas de repartición de dorsais, avituallamiento, entrega de premios aos participantes e o servizo de masaxes a cargo da Asociación Galega de Masaxes (AGAMA).

A travesía a nado, organizada polo Concello de Poio e Atlantic Extreme Sports, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Ence Pontevedra, Abanca, Supermercados Froiz, Centro Comercial A Barca, Suzuka Móbil e Móvil Auto e a navieira Mar de Ons, e a colaboración de Afanco-Cecopesca, Powerade, Cruceros Pelegrín, Area, Eroski Center, Adegas Valmiñor, os restaurantes Tinta Negra e La Espuela, Pádel Surf Sanxenxo, Club Escola Marítima Combarro, 226ers, Asociación Vodea e Clubnatacion.com, entre outros. Na pasada edición da travesía a nado participaron preto de 300 nadadores de distintos puntos de España e estranxeiros, e concedéronse un total de 40 premios.

Atlantic Extreme Sports é tamén co-organizadora da proba de natación ultrafondo a Triple Coroa Illas Atlánticas, unha competición que une as illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas con terra firme, que este ano celebrará a terceira proba da terceira edición entre a illa de Ons e Combarro, de 23 km de distancia, o 7 de setembro.



Visita guiada a Tambo e degustación de mexillóns

Paralelamente á travesía a nado, a organización da proba celebrará unha visita guiada exclusiva á illa de Tambo o sábado 27 de xullo, o día anterior á competición, dirixida aos nadadores participantes e acompañantes co obxectivo de que coñezan a historia e o patrimonio natural e cultural da illa da man de guías especializados.

A visita, de tres horas de duración, partirá do porto de Combarro e inclúe un roteiro guiado a cargo da navieira Cruceros Pelegrín nun catamarán con visión submarina durante a cal os visitantes poderán percorrer a pé a illa situada na ría de Pontevedra e descubrir algúns dos restos que conserva, como a capela de San Miguel, o antigo lazareto, a polvoreira e o faro de Tenlo Chico, entre outros puntos de interese. Unha vez finalizada a visita guiada, acudirán a unha batea de mexillóns para coñecer como é o seu proceso de cultivo e poderán degustar mexillóns ao vapor, veu e refresco a bordo. A saída do catamarán será ás 17:00 horas desde o porto deportivo de Combarro e o regreso ás 20:15 horas. Para participar na visita é necesario inscribirse previamente en voltaanadoilladetambo.es antes do 26 de xullo.

Beneficiario do IV Plan Social Ence Pontevedra 2023

A II edición da ‘Volta a nado Illa de Tambo-Concello de Poio’ resultou beneficiaria do IV Plan Social Ence Pontevedra 2023 na categoría de apoio ao deporte basee. Un total de 138 proxectos da comarca de Pontevedra, individuais, clubs e eventos deportivos foron beneficiarios da última edición do Plan, que destinou 900.000 euros a este apartado de deporte base.

Está pasando!