Arranca na Guarda a exposición “Sempre Vivas”, para conmemorar o 25N

25 Novembro 2020

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, organiza a exposición “Sempre Vivas” para conmemorar o 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero.

Nesta exposición participaron todos os centros educativos da Guarda, a Asociación Avelaíña, o Centro San Xerome e o Obradoiro de Emprego da Guarda e se pode visitar dende hoxe día 25 de novembro ata o 4 de decembro en horario de 9:00h a 15:00h na Casa dos Alonso.

Queremos manter na nosa lembranza a todas as mulleres ás que lle despoxaron os soños, os recordos e o seu propio alento.  Todas as vidas que alguén decidiu que non merecían continuar e apagaron pola forza.

O obxectivo desta exposición é homenaxear ás vítimas da violencia de xénero, para que non sexan borradas do mapa de balde. En certo xeito, queremos volver a darlle vida, enchendo as súas siluetas de cor, de mensaxes, de alento, … para que a súa lembranza permaneza en nós  e nos motive a reflexionar sobre o xeito en que nos achegamos á lacra da violencia machista como sociedade, pondo por bandeira a sororidade e a afouteza para combater e denunciar estas situacións. Queremos facer partícipes ás crianzas, porque elas son o futuro, e unha educación a favor da igualdade entre todas as persoas sen distinción de xénero ou condición é o comezo da andaina.

Dende o Concello da Guarda se quere facer un agradecemento a todos os centros educativos, institucións e entidades que participaron na elaboración do material desta exposición.

Campaña En Negro contra as Violencias

A Concellería de Igualdade do Concello da Guarda, con motivo da Conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, uniuse un ano máis á campaña de sensibilización En Negro contra as Violencias, coa que se pretende tinguir de negro as vilas e cidades galegas.

Desde o Concello, púxose a disposición da cidadanía, establecementos comerciais e asociacións, de forma totalmente gratuíta, cartelería, camisetas e mochilas e xa destinado especificamente ao sector da hostalaría, pousavasos e panos para que do 17 ao 25 de novembro, vestisen as tendas, comercios, empresas, bares, postos do mercado, etc. de negro, así coma os maniquís, manteis dos restaurantes e  ás/ós propias/os traballadoras/es. A iniciativa foi un éxito, esgotándose todo o material da campaña.

Vídeo Manifesto polo 25N

O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez, elaboraron un vídeo no que deron lectura ao Manifesto do 25N, un vídeo no que se amosan os traballos elaborados polos centros educativos, institucións e entidades que participan na exposición “Sempre Vivas” para conmemorar o 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero.

Link vídeo: https://youtu.be/X0GuUejdWDA

Está pasando!