As entradas para o FICBUEU2023 xa poden comprarse a través da páxina web do Festival

25 Agosto 2023

  • O certame buenense crea o seu despacho electrónico de billetes para reducir drásticamente o uso de papel
  • Os billetes tamén poderán adquirirse de forma presencial a partir do día 4 de setembro no Centro Social do Mar

Desde este mediodía, as entradas e abonos para desfrutar das películas do Festival Internacional de Cinema de Bueu xa poden comprarse a golpe de click. Basta con acceder á tenda en liña do Festival, elixir unha ou varias sesións, escoller asentos, e proceder a pagar con tarxeta de crédito. As persoas que prefiran comprar as súas entradas directamente no despacho de billetes poderán facelo a partir do próximo 4 de setembro. A décimo sexta edición do FICBUEU celébrase entre os días 8 e 23 do vindeiro mes.

O despacho electrónico de billetes é unha das novidades do Festival en 2023. A Asociación FICBUEU, organizadora do evento, aposta pola dixitalización do seu proceso de venda de entradas e reducir drasticamente con iso o consumo de papel. Ao efectuar a compra en liña, a seguidora ou seguidor do evento recibirá no seu correo electrónico o xustificante e o código ou códigos QR correspondentes á sesión ou sesións elixidas. Para entrar nas proxeccións do Festival, só haberá que amosarlle ás persoas encargadas de facilitar o acceso o código QR asignado.

As persoas que prefiran comprar as súas entradas fisicamente poderán facelo no Centro Social do Mar entre o 4 e o 7 de setembro das 18:00 ás 20:00 horas. Ademais, e xa durante o Festival, o despacho de billetes do Centro Social do Mar estará aberto unha hora antes de cada sesión.

Entradas a 3 euros, abonos a 15

As sesións de proxección de curtametraxes do FICBUEU 2023 celebraranse en dobre horario de tarde e noite: ás 19.30 horas e ás 21.30 horas. O custo das entradas para cada sesión é de 3 euros. Os abonos dan dereito a asistir a todas as sesións (6) dunha mesma franxa horaria. O seu custo é de 15 euros. A merca de abonos supón un aforro do 20% con respecto á compra de entradas para as 6 sesións.

Ademais, desde o despacho electrónico de billetes do FICBUEU poderán retirarse entradas reservando butacas numeradas a custo cero para as 7 proxeccións e eventos de carácter gratuíto.


Está pasando!