Cantos de Taberna | © Asociación Cultural Maravallada

Cantos de Taberna regresa a Pontevedra co obxectivo de encher de melodías e tradición as tascas da cidade

26 Xaneiro 2023

  • A edición deste ano tentará chegar a novos espazos, saíndo da zona monumental e actuando en bares da zona de Pasarón ou Virxe do Camiño, por exemplo
  • Fuxan os Ventos, agrupación lendaria do país, participarán nestes Cantos de Taberna cun formato especial e adaptado, o que ofrece unha oportunidade única de gozar con eles

Cantos de Taberna, o programa musical impulsado polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Asociación Cultural Maravallada, volve un ano máis co fin de incidir e recuperar o canto tradicional que durante décadas foi unha das formas musicais e de ocio por excelencia da nosa terra.

O ciclo, que conta cunha filosofía de seu na que se busca a mínima instrumentación e outorgarlle todo o protagonismo ás voces, amplía este ano o seu rango de acción, buscando novos establecementos que encher de melodía e tradición.

Nese sentido, os cantos non só tomarán tascas da zona monumental, senón que poderá ser posíbel escoitalas e vivilas en barrios coma Pasarón ou a contorna de Virxe do Camiño. A continuación pode ser consultada a listaxe completa, que distribúe os cinco concertos ao longo dos vindeiros cinco meses, no último venres de cada un:

  • 27/01 :: Breogán / Balixas
  • 24/02 :: Adega dos Avós / Americano
  • 31/03 :: Zafire / Sabor Colombiano
  •  28/04 :: Navarra / Barallocas
  • 26/05 :: Nasa / O Panderetas

Todos os concertos comezarán ás 21 horas e rematarán ás 00 horas, distribuíndose polos dous nomeados locais en cada xornada, sendo as agrupacións encargadas de encher de música cada establecemento as seguintes: Marvallada, Sons do Peto, Peis D’Hos, Fuxan os Ventos e Os Carunchos.

Manuel Espiño, presidente da Asociación Cultural Maravallada, destaca a presenza de Fuxan os Ventos, agrupación lendaria dentro da música galega, que ofrecerá unha experiencia única e intransferible ao adaptar o seu repertorio a este formato. «Están súper animados por vir e participar, no que claramente é unha oportunidade moi curiosa para gozar con eles», sinala.



A visión de Maravallada

As tabernas, a parte de ser establecementos de venda de bebidas, sempre foron lugares de encontro e camaradería, onde se contaban confidencias e se cantaba, porque o canto, as veces, mesturado cunha chisca de viño, fai aflorar os mais fondos sentimentos das persoas.

Ao longo dos anos setenta, comezaron a verse por distintas tabernas o consabido cartel de “Prohibido cantar”, cencenando así o desexo de moitos afeccionados á música de pasar un momento agradable cantando en compaña de bos amigos.

O canto de taberna, polo tanto, debe ser algo compartido, feito entre todos, algo que faga xurdir a participación dos presentes, por eso Maravallada facilita as letras das cantigas para que así os asistentes poidan unirse ao canto.

Historicamente o canto de taberna foi unha manifestación musical onde o instrumento primordial, e na maioría dos casos o único, era a VOZ. As voces podían ir acompañadas dalgún instrumento que normalmente se “fabricaba” de xeito espontáneo,cunchas de vieira, culleres, golpes ben acompasados na mesa ou na barra…, e noutras ocasións podía haber un “músico” que dispoñía dunha guitarra, un acordeón… por ese motivo Maravallada creou unhas bases de participación para os cantos de taberna en Pontevedra onde se priorizan os elementos antes sinalados.

O que se fai por ahí

A diferenza da proposta de Maravallada, en moitos casos no resto do país e no estado celébranse nas tabernas certames ou concursos onde a participación da voz vese mermada polo número excesivo, segundo a nosa consideración, de instrumentos musicais e percusión, semellando mais a foliadas ou seráns propias doutro tipo de espazos.

Está pasando!