Chega setembro e canda el o Cineclube Pontevedra retoma a programación no Teatro Principal

1 Setembro 2021

Por diante, un mes cargado de cinema actual, de filmes que nos emocionan: o humor absurdo de Quentin Dupieux; a mirada de Clarisa Navas sobre o barrio correntino de Las Mil e sobre como as amizades axudan a artellar unha resistencia queer na periferia; o delicadísimo western de Kelly Reichardt sobre as orixes dos EE UU —subtitulado en galego por Numax—; e un pequeno foco sobre o inmenso mestre Tsai Ming-Liang —en colaboración coa Filmoteca de Galicia—, que inclúe a proxección da súa última grande obra.


Luns 13  | 20:30 

Sesión en colaboración coa Filmoteca de Galicia

GOODBYE, DRAGON INN

Tsai Ming-Liang, 2003, Taiwán, 83 min., VOSE

Lingua orixinal: chinés mandarín

Nunha decrépita e labiríntica sala de cinema en Taipei, disque embruxada e convertida en santuario gay, vaise proxectar o épico filme de artes marciais dirixido por King Hu en 1967, Dragon Inn. Ha ser a derradeira proxección da sala, practicamente baleira, antes de pechar as súas portas para sempre.

O proxeccionista elude as atencións da vendedora de billetes, algúns espectadores miran pasmados a película, entre eles, un actor que chora ao verse na pantalla. O resto enreda, xoga, insinúaselle ao veciño con mans e pernas ou pérdese nos baños na procura de plan.


Martes 14 | 20:30

MANDIBULES

Quentin Dupieux, 2021, Francia, 77 min., VOSE

Lingua orixinal: francés

Jean-Gab e Manu —interpretados por Grégoire Ludig e David Marsais, dúo cómico moi popular en Francia polos sketches do seu Palmashow, co que triunfaron en YouTube— son dous amigos non moi intelixentes que atopan no maleteiro dun coche roubado unha mosca xigante. Contra todo prognóstico, lonxe de se desfaceren dela, deciden bautizala como Dominique e adestrala para gañar cartos.

Festival de Venecia 2020 (Sección oficial – Fóra de concurso) / Festival de Sitges 2020 (Mellor actor: Grégoire Ludig e David Marsais).


Martes 21 | 20:30

LAS MIL Y UNA

Clarisa Navas, 2020, Arxentina / Alemaña 120 min., VO

Lingua orixinal: español

Iris é unha adolescente tímida e solitaria, xoga ao basquet e  semella estar comezando a descubrir que lle interesan máis as mozas cós mozos. Cando Iris coñece a Renata, unha moza con máis experiencia ca ela e un pasado que a fai obxecto de todo tipo de rumores no barrio, Iris terá que superar os seus medos e loitar contra as súas inseguridades para poder experimentar o primeiro amor.

Ambientada na barriada obreira de Las Mil (Corrientes, Arxentina), onde medrou a directora, Las mil y una explora a amizade profunda e o espertar sexual na adolescencia, e agasállanos cunha orgánica e certeira mirada sobre o barrio, sobre os corpos e as voces que o habitan, e o desexo que circula a toda velocidade.

Donostia 2020 (Premio Sebastiane Latino, Mención Especial do Xurado: Horizontes Latinos) / Jeonju IFF 2020 (Mellor Filme) / LesGaiCineMad 2020 (Premio do Xurado á Mellor Dirección) / Berlinale 2020 (Sección Panorama).


Luns 27 | 20:30

Sesión en colaboración coa Filmoteca de Galicia

RIZI

Tsai Ming-Liang, 2020, Taiwan, 127 min., VO*

Lingua orixinal: chinés

*Intencionalmente non subtitulado, por desexo expreso do director

Kang vive só nunha casa grande. A través das súas grandes ventás, mira cara ás árbores golpeadas polo vento e a chuvia. Sente unha dor estraña de orixe descoñecida que apenas pode soportar e que afecta o seu corpo enteiro. Cando coñece a Non, que vive nun pequeno apartamento en Bangkok onde prepara pratos tradicionais da súa vila natal, ambos os dous comparten a súa soidade.

Berlinale 2020 (Sección Oficial, Mención Especial do Premio Teddy), Festival de Chicago (Premio Silver Q-Hugo), Festival de Tessalonica 2020 (Premio Mermaid).


Martes 28 | 20:30

FIRST COW

Kelly Reichardt, 2019, EE UU, 121 min., VOSG*

Lingua orixinal: inglés

*Subtitulado en galego por Numax, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de Avalon

Actual territorio de Oregón, principios do XIX. Os camiños de Cookie, un taciturno e habilidoso cociñeiro contratado por unha expedición de cazadores de peles, e King Lu, un viaxeiro chinés que chega a EE UU na procura dunha vida mellor, crúzanse de maneira inesperada. En seguida conectan e comezan a colaborar nun exitoso e arriscado negocio que consiste na preparación de doces que venden no mercado. A sostibilidade da súa empresa depende da colaboración clandestina da única vaca leiteira do territorio, propiedade dun rico terratenente.

Berlinale 2020 (Sección oficial) / Círculo de Críticos de Nova York 2020 (Mellor Filme).



O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!