Combarro acollerá este xoves un espectáculo musical para toda a familia a cargo de Picadiscos Marifaltri

21 Xullo 2022

‘Picadiscos Marifaltri’ será esta semana a gran protagonista dentro do ciclo de actividades impulsadas desde o Concello de Poio para conmemorar o 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico Artístico.

A Praza da Chousa acollerá o xoves 21de xullo, a partir das 20.00 horas, este espectáculo musical, pensado para toda a familia e, especialmente, para as crianzas, tal e como indica  a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG). Esta cita lúdica aposta por impulsar e promover o uso da lingua galega no seo familiar, así como ofrecer a visitantes e neofalantes a posibilidade de coñecer o noso idioma desde un punto de vista positivo de compromiso cultural e lúdico.

Esta iniciativa chega a Poio a través do programa ‘FalaRedes’, impulsado pola Rede de Dinamización Lingüística, dependente da Xunta de Galicia. Trátase da segunda actividade que, a través desta rede, se inclúe na programación do 50 aniversario de Combarro, logo de que a semana pasada Fantoches Baj trouxese á Praza da Chousa o seu espectáculo humorístico con monicreques.

A concelleira de Cultura lembra que esta semana, concretamente o domingo 24, comezará o ‘Mar de Sons’, a través do cal diferentes colectivos musicais do municipio levarán a cabo pasarrúas polo casco histórico de Combarro. Nesta primeira sesión, fixada para a hora do vermú, o protagonismo será para a Escola de Música Tradicional. Ao longo das vindeiras semanas tamén actuarán a Charanga 112, a Asociación Vides Novas e a Batucada Queima Tasas.

Está pasando!