Down Vigo amosa na Sede da Deputación “A viaxe da miña vida”, unha exposición de coloristas tapices creados por persoas usuarias da asociación

19 Xaneiro 2021

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolle desde hoxe ata o vindeiro venres día 29 de xaneiro a exposición “A viaxe da miña vida”, na que persoas usuarias da asociación Down Vigo mostran a súa sensibilidade artística cun colorista conxunto de tapices elaborados coa técnica do patchwork e inspirados en vivencias persoais.

Os tapices foron realizados durante todo o curso pasado dentro do grupo de Habilidades Adaptativas e cada un deles vén acompañado dun cartel no que as autoras e autores preséntanse e contan a vivencia que inspirou a súa obra. A peza de Arancha representa a Superación; a de Antonio, o Renacer; o tapiz de Lola o Duelo; o de Lucía a Unión; a obra de Luci un Conto de Fadas; a de Manuela, os Desexos; Marcel inspírase na Emigración e Noa no Fogar.

A través das súas obras realizan unha viaxe emocional na que mostran a súa creatividade, vivencias e recordos. Deste xeito cada tapiz reconstrúe a súa vida de forma figurada mediante a creación artística. As pezas xorden dunha vivencia concreta que se plasma na combinación de cores, teas e disposición. A exposición mostra á cidadanía as realidades, sensibilidades e habilidades das persoas con síndrome de Down. Ademais, compleméntase cun vídeo sobre o proceso creativo.

Está pasando!