Presentación da campaña ‘Un verán con sabor’ | © Concello de Salvaterra

En xullo arrinca en Salvaterra ‘Verán con sabor’, a guía gastronómica que premia aos consumidores

24 Xuño 2024

Durante os meses de xullo, agosto e setembro aquelas persoas que consuman na hostelería de Salvaterra de Miño poderán optar a máis de 40 premios


O Concello de Salvaterra de Miño en colaboración cos locales de hostalaría organiza a primeira edición de ‘Verán con sabor’, unha guía gastronómica para os meses de xullo, agosto e setembro na que os consumidores poderán entrar no sorteo de importantes premios.

Dentro da guía da que forman parte un total de 27 establecementos, os consumidores poderán descubrir e probar aquelas propostas que ofertan como recomendación e suxerencia os establecementos da vila dentro da súa carta.

Con motivo da chegada do verán e con el os turistas e visitantes que elixen Salvaterra de Miño como destino e os veciños e veciñas que aproveitan a oferta cultural para facer plans de ocio, o Concello de Salvaterra de Miño busca promover e promocionar a variedade de propostas gastronómicas e de lecer do municipio.

Estas serán suxerencias que permiten ó consumidor optar por produtos típicos ou recomendados e que aportan información da oferta gastrónomica de cada local e que xa forma parte da súa carta ou oferta habitual durante o ano.

A través da páxina web o consumidor poderá coñecer as suxerencias de cada local que van dende: un almorzo especial, unha tapa recomendación do chef ou un cóctel elaborado, entre outros.

O obxectivo é dar a coñecer ese traballo que se fai en cada local de maneira diaria e que probablemente moitas veces descoñecemos ó mesmo tempo que serve como guía para consumidores que buscan propostas diferentes.

‘Verán con sabor’ contará tamén cun sorteo ó finalizar a campaña de 44 premios. Aquelas persoas que participen poderán gañar un primeiro premio de 300€, segundo de 200€, terceiro de 100€, tres premios de 50€ e un premio de 30€ para gastar nos locais participantes ademais de 27 premios máis aportados por estes mesmos locais e 10 bonos para o Espazo Lúdico Termal de Teáns-Oleiros.

Para participar cada consumidor deberá recoller o seu pasaporte nos locais adheridos e conseguir un total de 6 selos (6 pinchos diferentes) e cubrir os seus datos persoais.

Entre todos os pasaportes cubertos e depositados nas urnas dos locais realizarase o sorteo dos premios da campaña.

Nos próximos días publicarase toda a información na web da campaña veranconsabor.concellodesalvaterra.com

Está pasando!