I Feira Vintage de Roupa ao Peso en Pontevedra

sáb03mai10:30sáb15:00I Feira Vintage de Roupa ao Peso en PontevedraAsociación Boa Vida 10:30 - 15:00 Mercado Municipal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O Mercado de Pontevedra acollerá este sábado, 3 de maio, a primeira Feira Vintage de Roupa ao Peso organizada pola Asociación Boa Vida. A iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, desenvolverase no primeiro andar do espazo municipal de 10.30 a 15.00 horas.

Trátase de roupa doada e de segunda man, centrándose no téxtil para toda a familia: home, muller e nenos, e non se inclúe calzado. Estarán dispoñibles para a venda aproximadamente 300 kg de roupa. O prezo único por quilo oscilará aproximadamente entre 5 e 10 euros, variando en función das prendas.

Tal e como din desde a organización, a feira enmárcase na misión de Boa Vida de traballar por unha sociedade máis xusta, inclusiva e sostible, labor que este colectivo leva realizando dende hai 13 anos, apoiando a máis de 300 persoas en situación de pobreza e exclusión social.

Promover a moda circular é, para Boa Vida, unha ferramenta de cambio para chegar a novas xeracións. Consideran que a feira é unha forma de que a cidadanía practique a solidariedade directa e a economía circular. Agradeceron tamén a todas as persoas que doan roupa, sen cuxo xesto o seu traballo non sería posible.

Co obxectivo de fomentar o consumo responsable e reducir o impacto ambiental da produción téxtil, durante a xornada haberá música en directo para dinamizar o ambiente e proxectaranse vídeos sobre o impacto ecolóxico e social da produción téxtil masiva. Búscase xerar conciencia crítica e impulsar hábitos de consumo máis sostibles entre a mocidade e a poboación en xeral.

Recoméndase levar bolsa reutilizable para participar nesta proposta que conxuga moda, cultura e compromiso social e ambiental.

Hora

(Sábado) 10:30 - 15:00

Localización

Mercado Municipal de Pontevedra

Rúa Serra, 5 - 36002 Pontevedra

Está pasando!