'Contrapuntos: música e memoria' no Museo de Pontevedra

xov31out19:00'Contrapuntos: música e memoria' no Museo de PontevedraProxección e concerto literario homenaxe a María Teresa León19:00 Edificio Castelao. Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

A Deputación de Pontevedra ofrece este xoves no Museo de Pontevedra unha nova cita co programa ‘Contrapuntos: música e memoria’, unha acción de divulgación da memoria democrática coa música como fío, que se centrará nesta ocasión na figura de María Teresa León.

O xoves 31 de outubro ás 19:00 horas, o Edificio Castelao acollerá a proxección da curtametraxe documental ‘Aitana’, dirixida por Marina Alberti, e o concerto literario ‘Memoria da melancolía’, con Samuel Diz, Yolanda Castaño e Jonatan Alvarado.

O de Pontevedra será o último concerto do proxecto ‘Memoria da melancolía’, de Samuel Diz. Nel, o guitarrista e investigador nacido en Tui homenaxea a María Teresa León. No disco publicado en 2020 e gravado coa guitarra de Federico García Lorca na Huerta de San Vicente (Granada) percorre a autobiografía da escritora e activista feminista a través de composicións musicais orixinais da xeración do 27 e do exilio republicano español, na súa maioría inéditas.

No Museo de Pontevedra, Samuel Diz estará acompañado do tenor arxentino Jonatan Alvarado e da poeta galega Yolanda Castaño, recoñecida este ano co Premio nacional de poesía. As palabras de María Teresa León soarán na voz de Castaño, que recitará fragmentos da súa obra autobiográfica ‘Memoria da melancolía’.



Curtametraxe documental

A sesión completarase coa proxección de ‘Aitana’, unha curta documental realizada en 2023 por Marina Alberti e estreada ese ano na Bienal de Venecia. A Marina obsesiónaa perder a memoria. Pasoulle á súa avoa e agora intúe que lle está a ocorrer á súa nai Aitana, filla de María Teresa León e do poeta Rafael Alberti. Pechada na habitación da que a súa nai non sae desde hai tempo, insiste en revisitar as lembranzas. No silencio da noite volven os pantasmas do pasado familiar, a historia dun país e dun século enteiro.

María Teresa León (1903-1988) foi unha escritora e intelectual que formou parte da xeración do 27. Estudou na Institución Libre de Ensinanza e licenciouse en Filosofía e Letras. Foi unha feminista comprometida co seu tempo. Durante a guerra civil exerceu como secretaria da Alianza de Escritores Antifascistas, fundou a revista El Mono Azul e estivo á fronte do traslado a Valencia dos fondos do Museo do Prado. Logo da guerra exiliouse xunto co seu marido, Rafael Alberti. Foi no exilio, concretamente en Arxentina, onde escribiu a maior parte da súa obra literaria.

Hora

(Xoves) 19:00

Localización

Edificio Castelao. Museo de Pontevedra

Rúa Padre Amoedo Carballo, 3. 36002 Pontevedra

Está pasando!