Humor, monólogos, teatro e cine chegan a Poio da man do novo programa ‘Anota! Cultura’

11 Outubro 2021

A concelleira de Cultura de Poio, Raquel Rodríguez, presentou o pasado venres no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó o programa ‘Anota! Cultura’, unha iniciativa que ofrecerá á veciñanza monólogos, proxeccións, espectáculos humorísticos ou representacións teatrais, entre outras actividades.

Boa parte da programación desenvolverase nas propias dependencias do centro cultural, desde o seu inicio a vindeira semana ata a súa conclusión ben entrado o mes de decembro. Todas as citas serán de balde e estarán adaptadas ás pertinentes medidas que marcan as autoridades sanitarias. “Pouco a pouco, a evolución epidemiolóxica nos permite ir ampliando aforo e recuperar a actividade cultural, un sector que foi dos máis castigados pola pandemia”, lembrou Rodríguez Alonso.

A primeira actividade deste novo programa terá lugar o venres 15 de outubro e consistirá na representación de ‘Velliñas’, a cargo de Butaca Zero e Inherente Teatro. A sesión, que forma parte do Programa ‘Tornar ás Taboas’, impulsado pola Deputación de Pontevedra, dará comezo ás 21.00 horas e contará con entrada libre ata completar aforo.

O sábado 30, a Asociación de Mulleres Arela organiza a tradicional Festa de Samaín, que terá lugar entre as 19.30 e as 22.00 horas na Praza da Granxa de Campelo, contando con actuaciónss musicais, concursos e outras sorpresas.

Unha das actividades estrela de ‘Anota! Cultura’ desenvolverase no Xaime Illa o venres 26 de novembro. Será entón cando se leve a cabo a proxección do filme ‘A illa das mentiras’, inspirada no naufraxio do Santa Isabel nas inmediacións da Illa de Sálvora a principios do século XX. A cita será ás 21.00 horas. Previamente, ás 20.30 horas, haberá unha charla-coloquio, dirixida polo periodista Tino Viéitez (responsable dunha exposición itinerante que lembra a historia do naufraxio e das veciñas de Sálvora que salvaron a parte da tripulación) e que contará coa participación da directora da película, Paula Cons. Para asistir a este evento será necesario reservar previamente, cun máximo de dúas entradas por persoa, a través do correo electrónico anotaculturapoio@gmail.com.

Raquel Rodríguez tamén se referiu ao ciclo ‘Risadas Contadas’, que completará a programación e a través do cal ofreceranse representacións teatrais en chave humorística e monólogos os venres no Xaime Illa, desde o 5 de novembro ata o 10 de decembro. Faia Díaz e Velo Rilo estrearán este ciclo, mentres que o encargado de pechalo será o humorista Sergio Pazos. Tamén pasarán por Poio Lois Pérez, Isabel Risco e Pedro Brandaríz. As sesión serán ás 21.00 horas e tamén precisarán de reserva previa no correo electrónico anteriormente citado.

A concelleira de Cultura anima á cidadanía a tomar parte nestas actividades gratuítas, a través das cales “apostamos por unha oferta de lecer que está pensada para toda a veciñanza”.


Está pasando!