“Liberar as arterias” de SÉS, aterrará o sábado 22 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra

2 Abril 2021

Tras ser programado previamente en dúas ocasións, a xira “Liberar as arterias” de SÉS, aterrará o sábado 22 de maio ás 20:00h. no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra que, na actualidade, conta cunha capacidade de 123 persoas distribuídas en parellas de cadeiras.

Con ‘Liberar as arterias’, SÉS presenta un novo traballo discográfico co que segue evolucionando o seu particular son que a consagrou no máis alto, e no que se inclúen unha escolma de cancións con letra e música composta pola propia cantora. Un sétimo disco que mantén e potencia a súa valente mensaxe, e no que percorre América de norte a sur, todo filtrado pola súa alma de cantareira.

SÉS vén de converterse nunha das artistas de maior éxito en Galiza polo seu carisma e discurso, así como pola forza e calidade das súas cancións, que sen dúbida levarana a conquistar outros territorios.

O seu estilo mistura coas doses exactas os ingredientes desa fórmula máxica que amosan un resultado orixinal e xenuino: rock’n roll, tradición oral galega e certa cadencia da canción de autor latinoamericana con actitude punk, reinvindicación e manexo escénico cunha constante e permanente interlocución cos seus seguidores dentro e fóra dos escenarios.

O seu discurso valente, novidoso, contundente e directo fan da figura de SÉS a voz de moitos, o altofalante certeiro que defende aquelo no que sería ideal crer. SÉS é unha traballadora incansable que editou seis discos en oito anos, e que a levou a percorrer escenarios de toda a península e parte de Europa.

As entradas están xa a venda online (ata esgotarse ou 5 minutos antes do comezo da función) en Ataquilla.com a un prezo de 17,00 €+ gastos (15,00 € + gastos para Carné Xove, desempregados/as e maiores de 65). De non esgotarse, na billeteira física do Pazo dende dúas horas antes do inicio.

Está pasando!