Lourido recupera este ano os Xogos de Verán, unha das súas citas de referencia da tempada estival

19 Xullo 2022

Logo de dous anos de ausencia por mor do impacto da pandemia, o vindeiro 25 de xullo comezará unha vixésima sexta edición dos Xogos de Verán, organizados pola Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Lourido, en colaboración coa Concellaría de Deportes de Poio.

A inscrición é gratuíta, se ben para poder participar nalgunha das probas resultará indispensable inscribirse previamente. As anotacións poderán realizarse a través da páxina web www.xogosdelourido.com, onde tamén se ofrece información detallada do amplo programa de actividades e dos horarios. Asemade, as reservas poden formularse chamando ao 606 257 171 ou enviando un correo electrónico á dirección clubfutbolbasepoio@gmail.com, no que deberán constar os datos dos e das integrantes de cada equipo.

Estas probas, todas de carácter gratuíto, destacan pola súa variedade. Así, haberá competicións de fútbol 6 base, así como volei praia, bici praia, pesca ou tenis praia.

Todas as actividades terán lugar durante as tardes, a partires das 18.00 horas, a excepción da de pesca, que será o sábado 30 ás 10.00 horas. Ademais, non faltarán tampouco xogos tradicionais como a petanca, aros, a chave ou a carreira dos caramelos.

O domingo 31 terá lugar o acto de entrega de trofeos, a partires das 12.00 horas, ademais dun petisco.

A música tamén será protagonista durante a fin de semana, cunha actuación de Javi Solla DJ ás 21.30 horas do sábado e outra a cargo da Agrupación Vides Novas, a modo de peche dos Xogos de Verán.

Ademais, contémplase iniciativas pensadas para os máis cativos, como obradoiros de manualidades.


Está pasando!