Mondra abre a programación das Letras Galegas cun obradoiro de baile tradicional en centros de ensino de Vilagarcía

4 Maio 2026

  • A Concellería de Cultura de Vilagarcía organiza unha completa e variada programación coa que conmemorar o Día das Letras Galegas durante o mes de maio.
  • Folclore, música, cine, teatro e a tradicional ofrenda floral a Rosalía de Castro forman parte da axenda que, no apartado para o público infantil, a maiores do Festival Escolar das Letras, inclúe monicreques, contacontos e maxia.
  • Unha decena de actividades gratuítas, de todo tipo e para todos os públicos que abrirá o artista Mondra o martes, 5 de maio, cun obradoiro de baile tradicional en institutos do municipio.

‘Mondra na escola’ é o título do taller que o cantareiro e bailador ofrecerá este martes ao alumnado e profesorado do IES O Carril (ás 9:50 horas) e do Armando Cotarelo Valledor (ás 12:00). Con esta actividade, o popular artista de Rescende quere achegar á xente nova os recursos e estruturas básicas do baile e da música tradicionais galegas. Unha atractiva e innovadora forma de sementar a cultura e a identidade galega entre a mocidade.

Outro clásico nestas datas é o Festival Nós de Sobradelo a celebrar o sábado 9, ás 19:00 horas no Auditorio. O grupo anfitrión contará este ano coa agrupación de gaitas Mocedade da Torre 83 como grupo convidado.

Centos de nenos e nenas dos colexios do municipio reuniranse o xoves 14 pola mañá no Auditorio para representar as contribucións artísticas que prepararon nas aulas para conmemorar as Letras Galegas. Como recompensa ao traballo realizado, o Concello de Vilagarcía fará entregará de lotes de libros para nutrir as bibliotecas dos centros.

O cine entra tamén no programa coa proxección de ‘Antes de nós’, a película que relata unha parte da vida de Castelao e que se proxectará o venres 14 no Salón García coa colaboración do Cine Club Ádega.

O teatro chegará da man da compañía Avelaíña Teatro e a obra ‘Almas na gloria: Don Paco’, na que ilustres galeguistas volverán á vida para render homenaxe a Francisco Fernández del Riego.

O día 17 de maio a actividade concentrarase no Carril. Tras a animación dos grupos de gaitas e baile Malveiras e Gato Negro, a mediodía terá lugar a ofrenda floral ante o busto de Rosalía de Castro. Despois haberá un concerto a cargo de Antonio Barros iAlma.

Contacontos ilustrado sobre Begoña Caamaño

A Biblioteca Municipal Rosalía de Castro súmase á celebración das Letras Galegas con dúas actividades dirixidas ao público infantil e familiar. Ambas actividades son con entrada gratuíta ata completar capacidade (arredor de 55 persoas).

‘A maxia dos libros’, un espectáculo que fusiona maxia e literatura, representarase nas instalacións culturais da rúa Castelao o venres 15 ás 18:00 horas. E o día 23, no mesmo lugar pero ás 12 do mediodía, desenvolverase un contacontos ilustrado dedicado á xornalista e escritora homenaxeada este ano, Begoña Caamaño.

A última proposta para o público infantil, e tamén a que pecha a programación especial das Letras Galegas, é o espectáculo de monicreques que a compañía Fantoches Baj ofrecerá o 23 de maio pola tarde no Salón García. Leva por título ‘As sete boinas do aviador’ e fala de Joaquín Loriga, capitán de aviación de Lalín que formou parte da Escuadrilla El Cano.

Está pasando!