Presentación de ‘O Feirón PO2’ | © Concello de Pontevedra

Nace ‘O Feirón PO2’, unha nova iniciativa do Concello de Pontevedra que busca promover a economía circular e fomentar novos hábitos colectivos

3 Abril 2023

  • A edil Anabel Gulías presentou esta xornada de ocio, socialización e aprendizaxe que reunirá a un total de 13 expositoras diferentes que apostan por modelos de produción distintos
  • A artista Cora Velasco e o picadiscos Malaguita porán a música ao longo da mañá do sábado, 8 de abril, na rúa Virxe do Camiño, lugar escollido para a realización de todo o programa

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou esta mañá de luns, 3 de abril, unha nova iniciativa enmarcada baixo a marca PO2 e que verá a luz a vindeira fin de semana, o sábado 8 de abril.

«Ao longo deste mandato tivemos unha evidente preocupación polo coidado do planeta e do medio ambiente, procurando facer programas e actividades comprometidas con esta causa», indicou Gulías. «Aparte de ofrecer lecer nas rúas e prazas da nosa cidade, diversas xornadas tamén ofreceron reflexión e crítica. Nese sentido queremos recoller todo o que ten que ver coa recuperación dos produtos, coa recuperación do que se vén chamando economía circular, pero que en moitas ocasións non sabemos aplicar ou moitos deciden non aplicar no seu día a día».

«Debemos buscar novos hábitos colectivos que muden a industria e ofrezan un cambio aos sistemas produtivos. Así, baixo o lema ‘O que non se tira é o que menos contamina’ creamos o que chamamos O Feirón PO2», explicou a edil. «É unha xornada na que poñemos en valor os establecementos e as iniciativas empresariais que apostan por esta filosofía. Faime moita ilusión contar con tantos negocios de Pontevedra, se ben tamén haberá expositores de concellos próximos, como Marín».

O programa do Feirón combina expositores, música en directo e obradoiros (tanto para adultos, como para crianzas, como para familas). Todas as actividades serán desenvolvidas na rúa Virxe do Camiño, entre as 11:00 e as 15:00 horas, ao longo da mañá do sábado.


Está pasando!