Apertura oficial da novena edición de Novos Cinemas | © Amador Lorenzo

Novos Cinemas conecta Pontevedra co mundo

11 Decembro 2024

  • O festival crea comunidade entre o público e os cineastas internacionais
  • O ferrolán Alberto Gracia inaugura o certame con ‘La Parra’

A apertura oficial da novena edición de Novos Cinemas reforzou o seu firme compromiso de conectar o público de Pontevedra cos cineastas emerxentes que van despuntando no panorama internacional. “É moi importante para o festival crear comunidade entre o público e os cineastas”, afirmou Daniel Froiz, director executivo de Novos Cinemas.

Centos de persoas asistiron no Teatro Principal de Pontevedra a un acto de apertura no que o director artístico, Suso Novás, lembrou as fortes alianzas do festival pontevedrés co cinema portugués e iberoamericano. Dentro desa expansión de Novos Cinemas, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais- Agadic, Jacobo Sutil, salientou a “relevante colaboración que este ano o festival ten co Porto/Post/Doc, unha sinerxía que afianza os lazos audiovisuais co país veciño”.


Novena edición de Novos Cinemas | © Amador Lorenzo

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou que a Novos Cinemas “pon sobre a mesa o talento actual das novas olladas do cine. Sempre será a nosa bandeira dentro da cultura audiovisual internacional e a nosa referencia para promocionar a cultura audiovisual na cidade”.

O cineasta ferrolán Alberto Gracia inaugurou o festival coa proxección da súa terceira longametraxe, ‘La Parra’, un dos filmes que triunfaron este ano na Seminci. Alberto Gracia estivo acompañado por unha das súas produtoras, Beli Martínez, e o actor Alfonso Míguez.

Novos Cinemas ofrecerá ata o vindeiro domingo un total de 39 pezas audiovisuais, das cales nove serán estreas mundiais, dúas internacionais, dez en España e doce en Galicia. Hai produccións de España, Portugal, Venezuela, Canadá, Arxentina, Francia, Suecia, Chile e Honduras, entroutros países. A sección OFICIAL contará con nove longametraxes, LATEXOS acollerá catro filmes e a novidosa sección CERES presentará outras catro propostas.

Está pasando!