Presentación da novena edición do ‘Ágora Vermú!’ | Concello de Vilagarcía

O ‘Ágora Vermú!’ regresa a Vilagarcía en primavera con Alexandra Carrera, Barbitúricos, Juan Lorenzo, Amaramar e Daydream Sessions

4 Maio 2026

  • Co lema “Os domingos en Vilagarcía, un espectáculo”, presentouse a novena edición do ‘Ágora Vermú!’
  • O ciclo de concertos matutinos de primavera desenvolverase en domingos dos meses de maio e xuño e contará coas actuacións de Barbitúricos, Alexandra Carrera, Juan Lorenzo, Daydream Sessions e Amaramar
  • Os escenarios elixidos nesta ocasión para dar vida ao “terraceo” en distintos puntos da cidade serán O Piñeiriño, A Mariña, O Carril, Vilaxoán e Os Duráns

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, presentaron o programa ‘Ágora Vermú!’ acompañados pola cantante vilagarciá Alexandra Carrera.

A edil comentou que o cartel deste ano confeccionouse seguindo as liñas habituais de promocionar aos músicos e artistas locais á vez que potenciar a grupos emerxentes galegos e do resto do territorio nacional.

Neste marco, Alexandra Carrera expresou a súa alegría por participar no ‘Ágora Vermú!’ e poder amosar o seu traballo “na miña casa, ante a miña familia e amigos, e tamén ante todas as persoas que aínda non me coñecen. Espero que todos o desfruten igual que o vou facer eu”. Outón encomiou a “potente e impresionante voz” da vilagarciá, destacando “o sentimento e a intensidade coa que interpreta”.

Cinco concertos, cinco espazos

O ciclo ábrese co concerto de Barbitúricos no Piñeiriño o día 24 de maio, coincidindo coas festas de Santa Rita. Un grupo de punk-rock “moi cañeiro, que eliximos para este barrio que sempre pide caña e ao que lle damos caña”, chanceou a concelleira.

A seguinte cita será o 31 de maio na zona verde dos Duráns, coa presenza de Daydream Sessions, un proxecto musical que ten como propósito crear un espazo de encontro para músicos a través des actuacións colaborativas. Con certo grao de improvisación, a banda contará coa participación de intérpretes locais para ofrecer unha animada “jam session”.

Pola súa banda, Alexandra Carrera amosará o seu talento na avenida da Mariña o domingo 7 de xuño. Interpretará unha interesante lista de cancións pop e soul especialmente elixidas para a ocasión.

O canario Juan Lorenzo será o encargado de amenizar a sesión dominical do 14 de xuño no Carril. Con tres traballos discográficos publicados, o artista fará gala na Praza da Liberdade do seu característico estilo, no que funde a música tradicional co rock progresivo.

Por último, tras pasar polo Solifest, Amaramar recalará en Vilaxoán para clausurar o ‘Ágora Vermú!’ o 21 de xuño. Como xa demostrou nas Pistas, a música deste grupo revelación busca representar o mar galego a través da sensibilidade poética, as letras e os sons explosivos que logran conectar emocionalmente co público.

Unha iniciativa que desestacionaliza e descentraliza

Xa coa novena edición en marcha, o alcalde apuntou que o ‘Ágora Vermú!’ xa é tradición en Vilagarcía. Unha iniciativa que, segundo comentou, reúne á perfección os obxectivos que persegue o goberno local e todos os requisitos para triunfar.

“Vimos de pechar os concertos matutinos do ‘Achégate ao Salón’ e, para manter a oferta de forma permanente ao longo do ano, adaptámonos á temporada primaveral, que nos permite facer actividades ao aire libre e levar ás rúas outro ciclo musical.

Ademais, de forma intencionada facémolo en lugares onde as actuacións poder ter retorno na hostalaría local, e tamén tratando de descentralizar a oferta, facendo que as actividades cheguen a distintas zonas e barrios do municipio”.

Varela animou á veciñanza a gozar destes espectáculos aptos para toda a familia e a pasar “un domingo ‘gamberro’, desfrutando de boa música, dun vermú e de boa compañía”.

Está pasando!