Presentación do Alén Metal Fest 2024 | © Concello de Vilagarcía

O Alén Metal Fest regresa coa máxima potencia a Vilagarcía cun cartel encabezado polos británicos Onslaught

20 Xuño 2024

  • O metal, o heavy, o death o thrash… os ritmos máis fortes e cañeiros volverán a soar coa máxima potencia no Alén Metal Fest nunha edición que este ano contará cunha banda mítica no panorama internacional: a británica Onslaught
  • Xunto a eles, o sábado 6 de xullo tocarán no escenario do Parque da Xunqueira os portugueses Okultist, o grupo catalán Savaged e os galegos Brutal e Race
  • Os concertos comezarán as 19.30 horas e, como é habitual neste evento, a entrada é libre e de balde

O festival organizado pola asociación Indanonvaidesta presentouse esta mañá na Xunqueira coa presenza do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, dos concelleiros de Cultura e Turismo, Sonia Outón e Álvaro Carou, e cos representantes do colectivo, Luis Martínez e Xurxo Santos.

Estes últimos agradeceron a colaboración prestada polo Concello de Vilagarcía para o desenvolvemento do evento dende a súa primeira edición, recoñecendo que “non nos custou nada convencer á Sonia de que apostara por un festival de música metal. Deunos todas as facilidades dende o primeiro momento, e esa é unha das razóns polas que con só catro edicións xa nos temos posicionado como o terceiro festival deste estilo en Galicia”.



O alcalde correspondeu a estas declaracións poñendo en valor o esforzo realizado polo colectivo para crear este evento, primeiro dende a asociación veciñal de Rubiáns e logo xa constituídos como o colectivo Indanonvaidesta. “Tamén nós temos que agradecervos que contribuades con esta proposta a ampliar a ampla oferta de festivais musicais que temos en Vilagarcía, completándoa cun estilo que, ata que chegou o Alén, non estaba representado e que tamén conta co seu público”.

Varela lembrou que Vilagarcía entra xa na temporada alta de eventos musicais. “Comezamos esta fin de semana co Clasclás e o 6 de xullo seguimos co Alén Metal Fest para continuar co Atlantic, os concertos das festas patronais, As Revenidas e o Ameixa Rock. Música variada e para todos os gustos”.

Está pasando!