Presentación do Mercado Mariñeiro | © Concello de Bueu

O aparcadoiro de As Lagoas en Bueu acollerá o domingo 5 de novembro un mercado mariñeiro

29 Outubro 2023

O evento celebrarase no aparcadoiro de As Lagoas entre as 11 e as 20 horas e será un escaparate para coñecer tamén novos proxectos


O Concello de Bueu, a través da concellaría de promoción económica e turismo, organizará o próximo domingo 5 de novembro un mercado mariñeiro no aparcadoiro de As Lagoas, espazo no que diversos establecementos comerciais ofrecerán os seus produtos de temática relacionada co mar.

Co obxectivo de seguir potenciando a historia, a cultura e a gastronomía mariñeira, Silvia Carballo, concelleira da área, salienta que “esta iniciativa xorde para dinamizar tamén o comercio e a hostalaría da vila”. Así, en As Lagoas situarase entre as 11 e as 20 horas unha carpa con postos diversos de venda de produtos de temática mariñeira, e haberá tamén un espazo gastronómico para que as persoas que o desexen poidan comer alí.

O que se pretende, pois, é ofrecer un plan para compartir en familia, a través de degustacións, presentacións de proxectos e charlas, actuacións musicais e tamén actividades para a cativada.



O Concello de Bueu leva anos apostando pola dinamización do comercio e a hostalaría local, e polos hábitos saudables. De aí que este mercado entronque coas feiras ecolóxicas e artesanais que se organizan dende hai máis dunha década e que contan con gran acollida entre a poboación.

Está pasando!