O ‘Ben Veñas Maio’ volverá premiar e deixar constancia do talento e a creatividade do alumnado pontevedrés

22 Marzo 2024

  • Fotografía, poesía, narrativa, audiovisual, banda deseñada, música… O conxunto de certames máis popular da Boa Vila abre este 21 de marxo o seu prazo para a recepción de traballos
  • O Concello de Pontevedra continúa a colaborar cunha das actividades máis lonxevas do municipio no eido cultural e na promoción do galego, repartindo até 3.750 euros

Con maio xa albiscándose no horizonte, o alumnado de Pontevedra sabe que se aveciña unha nova edición dunha das actividades culturais e educacionais máis lonxevas da cidade: o ‘Ben Veñas Maio’.

O edil de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, presentou a nova edición desta actividade a prol do uso e impuslo á lingua galega entre a mocidade, que agrupa distintos certames de música, vídeos de Tik Tok e reels de Instagram, curtametraxes, fotografía, banda deseñada, narración curta e poesía. O concelleiro estivo acompañado da profesora do IES Luís Seoane, María Xosé Dourado, cuxo departamento exerce este ano como coordinador do ‘Ben Veñas Maio’.


Presentación do ‘Ben Veñas Maio 2024’ | @ Concello de Pontevedra

«Falamos dun certame organizado polos distintos equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino secundario de Pontevedra e que chega xa á súa 31ª edición tentando fomentar a creatividade e a creación artística entre o alumnado do noso concello», indicou Gómez. «Está claro que 31 anos non son poucos para un proxecto, son moitísimos, por iso sempre cómpre parabenizar aos distintos equipos e profesorado de lingua galega polo seu labor á hora de mantelo e facelo chegar até aquí».

Desde onte está aberto o prazo para a inscrición e recepción de traballos nas distintas categorías, prazo que rematará o 12 de abril. O Concello de Pontevedra ofrecerá até 3.750 euros en total en premios, e que se entregarán durante o clásico certame musical no Teatro Principal, o vindeiro 12 de maio. Como novidade, este ano realizarase un obradoiro de formación para o alumnado que colabore na mesma organización da gala.

No imaxinario popular da cidade, ‘Ben Veñas Maio’ é unha das actividades de Normalización Lingüística máis exitosos da cidade, ao pasaren centos de participantes polos seus distintos certames durante estas tres décadas.



Se nalgunha categoría as obras non acadan o nivel mínimo esixible, o xurado poderá declarar deserto un ou todos os premios contemplados nas bases. As dotacións económicas dos premios desertos poderán ser empregadas para premiar obras presentadas a calquera categoría dos outros certames.

Pola súa banda, a profesora Dourado quixo agradecer tamén o traballo de todos os centros de ensino á hora de motivar a participación do seu alumnado nos diferentes certames e modalidades de concurso. A mestra de ensino secundario explicou que neste ano non foi ningunha categoría nova, manténdose, iso si, por terceiro consecutivo, o certame de vídeos de Tik-Tok e Reels de Instagram.


Está pasando!