O cantante de Combarro Miguel Martínez logra o Diploma de Excelencia no Festival Internacional Universong

11 Xaneiro 2021

O artista e compositor poiense Miguel Martínez pechou o ano 2020 cun novo éxito. O cantante de Combarro logrou clasificarse para a final do Festival Internacional de la Canción de las Islas Canaria Universong. Trátase dun certame que, tal e como explica o propio Martínez, tívose que adaptar ao contexto derivado da pandemia da COVID-19. Ao non poder desenvolverse con normalidade, foi preciso acudir ás novas tecnoloxías. Así, nesta décima novena edición, os participantes víronse na obriga de gravar as súas actuacións, en directo, para que o xurado puidese facer as pertinentes valoracións.

Miguel Martínez foi quen de acadar un diploma de excelencia, grazas á interpretación do tema ‘Dile que la quiero’. Tal e como el mesmo explica, este resultado é moi importante, toda vez que era a súa primeira experiencia neste festival, no que tomaron parte artistas de diferentes países como Serbia, Bulgaria, Portugal, Hungría, Polonia, Lituania, Ecuador, Romanía ou Cuba, entre outros. “O feito de chegar á final dun certame no que había tantos países representados supón unha auténtica honra”, sinala o artista de Combarro.

Con este resultado, Miguel Martínez pecha un ano no que, a pesar da crise sanitaria, acadou varios éxitos. Así, no mes de maio tamén foi recoñecido co diploma ‘Compositor Internacional Latino 2020’ no Festival de la Canción Viva la Música, que tamén se celebrou vía on line. Neste caso, o cantante de Poio interpretou o seu tema propio ‘No me vuelvo a enamorar’. Precisamente, co videoclip desta canción conseguiu a vitoria no Trofeo Vídeo de Cristal – Premio Platino, a distinción máis alta do Festival del Vídeo Hispano 2020 ‘Extra’, que se desenvolveu nos Estados Unidos. Trátase dunha canción que, tal e como lembra o propio Martínez, xa leva tempo soando con éxito en discotecas de diferentes localidades de Galicia e Asturias, así como no Norte de Portugal.

O Concello de Poio, ademais de felicitar a Miguel Martínez, tamén salienta o orgullo co que o intérprete leva o nome do municipio a todos os certames nos que participa, lembrando que nas súas composicións a súa vila natal sempre ten protagonismo. Ademais, non hai que esquecer que Martínez compaxina o seu labor artístico co traballo que realiza no departamento de Servizos Sociais.

Está pasando!