O Centro Dramático Galego estrea a obra ‘O charco de Ulises’, coa que abre un novo modelo de produción e distribuciión

11 Xaneiro 2021

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, estrea este xoves 14 de xaneiro a súa primeira produción propia da actual temporada, ‘O charco de Ulises’, un espectáculo de gran formato dirixido por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, que marca ademais o inicio dunha nova etapa na compañía teatral pública a través dun modelo de traballo con cambios substanciais nas dinámicas de produción e distribución cara a reforzar o seu papel como motor escénico galego a partir da crise sanitaria.

Elenco e equipo artístico

‘O charco de Ulises’ sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto escrito por Cortegoso en 2010, dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Ulises permanece errante durante dez anos viaxando de illa en illa, vivindo aventuras inesquecibles, entre suculentos banquetes e fermosas mulleres. A idea do regreso á patria non o abandona nunca, pero a súa vida non había transcender se non saíra dela. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Buenos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

Fran Paredes e Inés Salvado Gontad encarnan o papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan outros oito actores e actrices: Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

No equipo artístico figuran Pablo Giráldez ‘O Pastor’ no deseño de escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción.

Á estrea no Salón Teatro o xoves 14 ás 21,00 h. seguirán outras 18 funcións ata o 31 de xaneiro. As representacións serán os xoves ás 20,30 h., (o 21 e 28 con encontro do elenco co público tras a función), os venres e os sábados con pases dobres ás 17,30 e 20,30 h., e os domingos ás 18,00. O domingo 24 levarase a cabo unha función inclusiva, apoiada con interpretación en lingua de signos e que inaugurará a emisión en streaming do CDG.

Sesión con atención á diversidade

Ademais, o mércores 20, ás 20,30 h., está programada unha sesión denominada descontraída, con máis tolerancia respecto dos ruídos ou movementos no patio de butacas, especialmente destinada a persoas que poidan sentirse máis cómodas nese contorno así como aquelas con déficit de atención, espectro autista ou deficiencias intelectuais, sensoriais, sociais ou de comunicación.

As entradas para asistir ao espectáculo poderán adquirirse no despacho de billetes do número 34 da rúa Nova compostelá, nos días de apertura desde dúas antes de cada función, e de xeito anticipando en liña a través da web ataquilla.com. Canda a estrea, publicarase e porase á venda o texto do espectáculo, que fará o número seis dentro da colección de libros do Centro Dramático Galego ‘O papel do teatro’, que mantén a Xunta de Galicia coa editorial Positivas.

Tras a súa estadía en Santiago de Compostela, ‘O charco de Ulises’ retomará as representacións nunha xira por distintos escenarios galegos durante os meses de novembro e decembro de 2021.

Dossier do espectáculo

Está pasando!