O ciclo de teatro infantil de Gondomar volve ao auditorio municipal con ‘Lixo’ da compañía teatral O Baúl da tía Tola

22 Febreiro 2024

O Concello de Gondomar continúa co seu ciclo de teatro infantil e familiar. A encargada de subirse ao escenario do Auditorio Municipal Lois Tobío o próximo domingo 25 de febreiro, ás 19:00h., será a compañía “O Baúl da Tía Tola” coa súa obra “Lixo”.

“Lixo” está creado a partir de material plástico reciclado como bolsas de lixo, cubertas e esqueletos de tendas de campaña… co que facer escenografías para o xogo a partir de obxectos que poderían ser simples desperdicios.

​Mergullarémonos nun mundo de plásticos, luces, sonoridade e movemento.

​As dúas protagonistas, unhas bailadeiras moi peculiares, vivirán unha aventura na que teñen que “crear cultura a partir da varredura”.

​Comunícanse con pareados, móvense con pasos de ballet inventados por elas mesmas e axúdanse das luces para crear diferentes atmosferas ó longo do espectáculo, dando así ritmo e rima á obra.

‘Lixo’ está dirixida por Alfredo Rodríguez e protagonizada polas actrices Anna Cañadillas e Soraya Paradela

Entradas anticipadas á venda a un prezo de tan só 2,50 euros en taquilla.concellodegondomar.gal



O Baúl da tía Tola

A compañía nace no ano 2014 en Vigo coa finalidade de achegar a maxia do teatro ó público máis novo. Neste baúl teñen cabida todos aqueles proxectos que promovan a imaxinación, a ilusión, a alegría e a aprendixaxe a través de diversos estímulos sensoriais e do xogo.

Gústanos traballar con diferentes materiais plásticos descubrindo as súas posibilidades escénicas. Nos nosos espectáculos dámoslle protagonismo á creación de ambientes sonoros e imaxes visuais a partir do movemento, da xestualidade e do son.


Está pasando!