O documental ‘O gran camiño’ abre as proxeccións gratuítas do ciclo Mestre Mateo no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó

11 Marzo 2022

Poio é un dos cinco concellos da provincia que participará na primeira edición do Ciclo Mestre Mateo. Tal e como explica a concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, a través desta iniciativa a veciñanza poderá gozar, de xeito gratuíto, dunha serie de proxeccións, ao longo dos vindeiros meses, nas que serán protagonistas as obras que resultaron finalistas na última edición dos Premios Mestre Mateo.

O Concello de Poio adheriuse a este programa pioneiro, que impulsa a Academia Galega do Audiovisual, en colaboración coa Deputación de Pontevedra.

A primeira das sesións terá lugar o vindeiro sábado 26 de marzo, a partir das 20.00 horas. O documental ‘O gran camiño’ será o encargado de estrear esta iniciativa no Centro Cultural Xaime Illa, que será o escenario destas proxeccións, que se repetirán mensualmente ata novembro (a excepción dos meses de xullo e agosto).

A entrada será gratuíta, se ben desde o departamento municipal apúntase que será preciso realizar unha reserva previa enviando un correo electrónico á dirección anotaculturapoio@gmail.com ou chamando ao 986 770 001.

A edil do Goberno local salienta a importancia de tomar parte neste tipo de programas, xa que, “por unha banda, nos permite ofrecer unha programación cultural de calidade á veciñanza, ao mesmo tempo que tamén poñemos en valor e damos visibilidade ao gran labor que realiza o audiovisual galego, que a día de hoxe é todo un referente a todos os niveis”.

Ademais, Rodríguez Alonso tamén fai fincapé na importancia de poder ofrecer á cidadanía contidos audiovisuais en galego. As oito proxeccións (catro filmes e outros tantos documentais) iranse anunciando nos días previos ás datas das proxeccións, no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó. A concelleira de Cultura agradece á Academia Galega do Audiovisual e á Deputación de Pontevedra a posta en marcha desta iniciativa, que confía en que “se consolide e poidamos gozar dela durante moitas edicións”.

‘O gran camiño’ é un documental narrado en primeira persoa por Alba e Raúl, dous cineastas que deciden cargar as cámaras nas súas mochilas para emprender unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo, entre as que se inclúe o Camiño de Santiago.


OS DIRECTORES

Alba Prol Cid (Maceda)

Traballou nas películas A Esmorga, Vilamor e Nove Ondas no equipo de produción e imaxe. Actualmente traballa en Meteórica Cinema e dá clases de Audiovisual en diferentes ciclos superiores de Imaxe e Son.

Raúl García (A Bola)

Desde 2007 traballou como director, guionista e editor para cinema e televisión. Formou parte da produción das películas Un bo home e Nas Tripas da Besta: a rodaxe de Lobos de Arga. Actualmente combina o seu traballo en Meteórica Cinema coa docencia de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela (USC).


Está pasando!