© Xesta Natureza

A Romaría do Rapaz volta a Siador o domingo 27, cunha carreira de orientación e un espectáculo de circo aéreo

19 Xuño 2021

A xornada do domingo 27 de xuño contará cunha carreira de orientación pola mañá, dirixida por Xesta Natureza, e cun espectáculo de circo aéreo a cargo da compañía Desastronauts en horario de tarde.

En canto á carreira, está será a segunda vez –tralo éxito da cita de 2019-que se celebre unha proba deste tipo en Silleda. A proba discorrerá polo entorno de Siador, onde se atopan lugares emblemáticos como a sobreira –unha das ábores senlleiras de Galicia-, ou o pazo de Sestelo.

As inscricións para a proba, de balde para os participantes, poden facerse de xeito individual ou en grupo a través da web de Xesta Natureza ou ben no propio Concello, chamando ao teléfono 986 580000 (no departamento de Cultura). O prazo rematará o vindeiro xoves día 24 de xuño.

A actividade consistirá en visitar no tempo establecido todas as balizas na orde en que se indicará no mapa. As inscricipons en grupo poderán contar con ata 4 participantes .

A proba comezará ás 11:00 horas e contará con 3 categorías: “xestiñas”, categoría para nenos e nenas, sinxela física e técnicamente (menos de 4 kms.); “xestas”, para adultos, con nivel físico e técnico medio (menos de 6 kilómetros en total) e “xesteiras”, para persoas con medios/altos coñecementos de orientación e cun nivel físico e técnico alto (máis de 6 kilómetros en total).

As saídas serán escalonadas no tempo, non saíndo en ningún momento máis de dúas persoas ou equipos no mesmo minuto, cuestión que tamén vén a garantizar as medidas de prevención a nivel sociosanitario.

A organización facilitará unha tarxeta electrónica para rexistrar o paso por cada unha das balizas e ao rematar a proba facilitarase ás persoas particiantes un avituallamento líquido.

Lémbrase que é obrigatorio en todo momento o uso da máscara, salvo no propio intre do desenvolvemento da actividade (dende a saída ata a chegada). A organización facilitará ademais xel hidroalcólico para quen o desexe.


‘Máis alto aínda’ | © Desastronauts

Xa pola tarde, ás 19:00 horas, chegará ao anfiteatro de Siador o espectáculo “Máis alto ainda”, a cargo de Desastronauts, a máis espectacular compañía de aéreos de Galicia.

Desastronauts volven co seu exitoso dúo de acrobacias aéreas, humor e enredos de parella no aire con números de tan altísimo nivel como trapecio en voo.

Unha muller forte, intelixente, atractiva e divertida topa cun home… estúpido. El ha facer o que sexa para estar con ela, e ela fará todo o posible por escapar. Ela é dona de si mesma, el é infantil. Veremos como a súa loita frenética se vai intensificando a medida que atopan un trapecio de balanceo, cordas aéreas e un hula-hoop de lume.

Raquel Veganzones e Girisho Gordon, ambos graduados na The Circus Space de Londres, son os protagonistas desta aposta para completar a xornada en Siador.

Está pasando!